Os prezos da celulosa e o fallo do Tribunal Supremo elevan o beneficio neto de ENCE a 247 millóns en 2022

Pontevedra
28 de febreiro 2023

Unha vez coñecida a decisión xudicial, o grupo reverteu 169 millóns de euros das deterioracións e provisións rexistrados no negocio de celulosa nos estados financeiros de 2021, de maneira que no cuarto trimestre do exercicio o beneficio neto do grupo elevouse a 180 millóns. No mesmo período de 2021 foran dous millóns

Fábrica de ENCE en Lourizán Mónica Patxot

Ence obtivo un beneficio neto consolidado de 247 millóns de euros no exercicio 2022. A cifra, facilitada este martes pola compañía, supón un cambio de tendencia en relación co exercicio anterior, 2021, no que tivo un resultado de 190 millóns negativos. 

A cifra de 2022 logrouse, segundo explica a compañía a través dun comunicado, como resultado da decisión do Tribunal Supremo de confirmar a prórroga da concesión para permanecer nos terreos actuais de Lourizán ata 2073. O Alto Tribunal aínda non fixo pública a sentenza, pero si a súa decisión, que dá a razón á empresa pasteira. 

Unha vez coñecida a decisión xudicial, o grupo reverteu 169 millóns de euros das deterioracións e provisións rexistrados no negocio de celulosa nos estados financeiros de 2021, de maneira que no cuarto trimestre do exercicio o beneficio neto do grupo elevouse a 180 millóns. No mesmo período de 2021 foran dous millóns, tamén como resultado das decisións anteriores da Audiencia Nacional anulando a prórroga.

Desde a compañía tamén explican que os fortes prezos da celulosa e os bos resultados operativos impulsaron o beneficio da compañía.

Os prezos da celulosa e a mellora do tipo de cambio impulsaron a marxe operativa do negocio, mitigando o efecto da suspensión de actividade en Pontevedra o pasado verán e compensando a inflación no custo das materias primas. Deste xeito, o resultado operativo do negocio de Celulosa alcanzou os 27 millóns no cuarto trimestre e elevouse ata os 138 no conxunto de 2022.

En canto ao resultado operativo do negocio de enerxía renovable, alcanzou os 13 millóns no cuarto trimestre, elevando o acumulado do ano ata os 110.

Ence Pontevedra renovou a súa actividade durante o mes de novembro, tras estar suspendida durante catro meses debido á baixada do caudal do río Lérez (do que se abastece esta instalación).

O Consello da compañía acordou repartir un dividendo excepcional a conta dos resultados de 2022 por importe de 70 millóns de euros, equivalente a 0,29 euros brutos por acción, que se abonará o próximo 16 de marzo e que se suma aos 67 millóns distribuídos durante o exercicio.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora