Os técnicos municipais suxiren instalar 'lombos' no camiño escolar de Santo André de Xeve

Pontevedra
14 de novembro 2020

O Concello de Pontevedra vén de facer unha serie de alegacións ao proxecto presentado pola Axencia Galega de Infraestruturas para mellorar a seguridade viaria na contorna do colexio de Santo André de Xeve, no ámbito da PO-223 entre O Couso e Sobral

CEIP Santo André de Xeve, Pontevedra Xunta de Galicia

O Concello de Pontevedra vén de facer unha serie de alegacións ao proxecto presentado pola Axencia Galega de Infraestruturas para mellorar a seguridade viaria na contorna do colexio de Santo André de Xeve, no ámbito da PO-223 entre O Couso e Sobral.

Con esta actuación, a Xunta prevé crear unha senda peonil e ciclista proxecta para unir o núcleo rural de Sobral co colexio, calmar e reordenar o tráfico na zona e mellorar os accesos a este centro educativo.

En concreto, o proxecto executarase na intersección das estradas autonómicas PO-224 e PO-223 e ten previsto substituír o cruzamento actual das dúas vías por unha glorieta con catro pasos de peóns e beirarrúas.

Tamén reordena a contorna do colexio creando un aparcadoiro para 29 turismos, amplía o estacionamento para autobuses e crea novas prazas para os traballadores do centro.

Fronte ao colexio (na PO-223) habilítase un carril especial con franxa lateral para parar e deixar aos alumnos sen acompañamento, e proxéctase unha senda peonil e ciclista pola marxe dereita da PO-224, dende o novo estacionamento proxectado ao lugar do Sobral.

Os técnicos municipais estiman que a senda, que ten previsto un ancho de 1,80 metros, non é suficiente para conxugar os tráficos peonís e ciclistas, pero especialmente fan fincapé na necesidade de que os pasos de peóns proxectados sexan sobreelevados.

No proxecto non se fai referencia a esta posibilidade pero entenden os técnicos municipais que "non distorsionan moito o réxime de circulación dos vehículos nas estradas e melloran moito a seguridade e comodidade dos peóns e ciclistas non deportivos e usuarios do colexio". 

Ademais, os técnicos do Concello tamén lembran que a zona dispón de servizos soterrados como abastecemento de auga potable, saneamento, iluminación ou telefonía que deberán seren repostos ao seu estado orixinal tras o remate da obra.