Durante esta semana os trasnos tiveron uns días de intenso traballo en Poio xa que percorreron os diferentes centros educativos do municipio para escoitar os seus desexos de Nadal e ofrecíanlles espectáculos de música e humor, ademais de repartición de caramelos.
Estas visitas realizábanse coas pertinentes medidas de hixiene e distanciamento para compartir ese tempo cos escolares. Unhas visitas que están a ter unha satisfactoria acollida segundo destacaba a concelleira de Cultura e Educación en Poio, Raquel Rodríguez.
Os elfos regresarán estes días a Poio e tamén o fará Papá Noel, cuxa visita está prevista para o domingo acompañado de membros do Motoclub A Rosa dos Ventos cos que percorrerá as rúas do municipio.
Ademais durante o que resta de mes, ofrécense diversos espectáculos infantís para os que aínda quedan prazas.