Os veciños da Grela ceden terreos para mellorar unha pista en San Xulián

Marín
02 de outubro 2022

Os veciños do lugar da Grela viron mellorada unha pista grazas á intervención que acometeu a Comunidade de Montes de San Xulián en colaboración co Concello de Marín

Arranxo dunha pista no monte de San Xulián Comunidade de Montes de San Xulián

Os veciños do lugar da Grela viron mellorada unha pista grazas á intervención que acometeu a Comunidade de Montes de San Xulián en colaboración co Concello de Marín.

A obra foi realizada pola empresa Caldevergazo S.L. que mellorou o estado dunha pista dunha lonxitude aproximada de 300 metros.

Os traballos realizados consistiron en desterres, picado de roca, explanación, colocación de muro, tubos, pavimento de formigón no inicio e saburra na práctica totalidade da pista cun ancho de 5 metros en toda a plataforma de rodadura, que se conseguiu grazas á colaboración veciñal que fixeron unha cesión das súas parcelas. 

O gasto foi asumido nun 90 % pola Comunidade de Montes de San Xulián e un 10 % polo Concello de Marín. 

Esta obra forma parte dun plan que ten en marcha desde hai uns anos a Comunidade de Montes de San Xulián na parroquia para ir mellorando diversos espazos. Desde a entidade agradeceron a colaboración municipal e expresaron a súa vontade de seguir mellorando diversos puntos da parroquia.