Pablo Fernández asume a Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra

Pontevedra
01 de xuño 2026
Actualizado: 15:30

Substitúe a Agustín Reguera Ocampo, que abandona o cargo a petición propia

Pablo Fernández Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia designou a Pablo Fernández López como novo delegado territorial en Pontevedra, en substitución de Agustín Reguera Ocampo, que abandona o cargo a petición propia.

A substitución foi anunciada este luns polo presidente autonómico, Alfonso Rueda, durante a comparecencia posterior á reunión semanal do Consello da Xunta.

Fernández López ocupaba desde 2023 a Secretaría Xeral de Emprego. Enxeñeiro industrial de formación, pertence á promoción de 1974 e conta cunha ampla traxectoria tanto no ámbito empresarial como na vida pública. Antes de incorporarse á Administración autonómica fundou e dirixiu un estudo de enxeñaría, presidiu a Asociación de Xóvenes Empresarios de Pontevedra e exerceu como concelleiro no Concello de Pontevedra en dous mandatos distintos.

Tras coñecerse a noticia, Agustín Reguera quixo destacar a boa acollida que tivo por parte de todos os alcaldes dende o seu nomeamento e agradeceu a confianza que sentiu dende o primeiro momento por parte de todo o equipo de goberno e, especialmente, do presidente da Xunta, Alfonso Rueda. 

"Durante estes anos traballei sempre pensando en mellorar a vida de todos os habitantes da área territorial e estou seguro de que Pablo Fernández manterá o ritmo e o conpromiso co que estamos habituados a traballar", manifestou.

O nomeamento forma parte dunha remodelación máis ampla na estrutura da Administración galega impulsada polo Executivo autonómico co obxectivo de afrontar os retos da segunda metade da lexislatura.

Entre os cambios máis destacados figura tamén a designación de Alfonso Villares como novo delegado territorial da Xunta en Lugo. O exconselleiro do Mar regresa á primeira liña política despois de que quedase arquivada a causa xudicial aberta contra el por unha suposta agresión sexual. Villares substitúe a Javier Arias, que tamén deixa o posto por decisión propia.

Durante a súa intervención, Rueda lembrou que Villares presentou a súa dimisión cando xurdiron as acusacións e subliñou que o procedemento xudicial concluíu sen cargos, circunstancia que, segundo indicou, permite agora a súa reincorporación a responsabilidades institucionais.

A renovación afecta igualmente a outros departamentos da Administración autonómica. No Servizo Galego de Saúde (Sergas), José Ramón Parada Jordal cesa como xerente e será relevado por Luís Ángel León Mateos. Así mesmo, a Consellería de Sanidade incorpora unha nova Dirección de Atención Primaria, cuxa responsabilidade recaerá en Salvador Mariño.

A reestruturación inclúe ademais cambios na Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, onde Eloína Injerto López substituirá a María Quintiana. Tamén se produciron nomeamentos na Autoridade Portuaria de Ferrol e no Comisionado para o Ano Santo Xacobeo 2027, unha responsabilidade que asumirá Marcos Gómez Román.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora