A cidade na que "o peón é o rei". Así describen na Universidade da Sorbona a Pontevedra. Alí ofrecerá o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, unha "clase maxistral" sobre o modelo urbano da Boa Vila, baseado nunha mobilidade amable e na recuperación de espazos públicos para a cidadanía.
Será unha das grandes citas da viaxe institucional que levará a Fernández Lores á capital francesa durante os próximos días.
A conferencia do alcalde pontevedrés será o Instituto de Administración de Empresas de París, unha escola pública de negocios que depende da Universidade da Sorbona, unha das máis prestixiosas do vello continente.
Ademais deste encontro universitario, o alcalde participará na inauguración do Forum Smart City París 2018, un encontro internacional sobre medio ambiente urbano no que Pontevedra disertará sobre a pegada do carbono nas cidades.
As transformacións urbanas son obxecto de análise neste foro e, este ano en concreto, xirará en torno ao cambio climático, debatendo sobre a aplicación de enerxías renovables, a redución das emisións de carbono ou a limitación dos coches nas cidades.