Performance veciñal en Praceres para criticar a actitude da Xunta ante as alegacións ao novo emisario na ría

Pontevedra
23 de decembro 2018

Representantes veciñais recrearon unha escena do rexistro da administración autonómica en que se entregaban as alegacións contra a instalación do emisario mergullado na ría á conselleira Ethel Vázquez e Núñez Feijóo mergullábaas nun recipiente de auga para despois tiralas por un inodoro

Protesta da Plataforma Veciñal de Lourizán contra a proposta de instalar un novo emisario na ría Diego Torrado

Veciños de Lourizán levaron a cabo este domingo un novo acto de protesta, nesta ocasión a través dunha performance, un acto simbólico e teatralizado que tiña lugar no que denominan "campo da Dignidade".

Baixo o título "As alegacións son papel mollado para a Xunta", un grupo de veciños entregaban as súas alegacións contra o novo emisario mentres que dous representantes veciñais con caretas da conselleira de Infraestruturas e do presidente autonómico recollían os escritos. Desta forma Ethel Vázquez daba o rexistro de entrada mentres que o personaxe que caracterizaba a Alberto Núñez Feijóo mergullaba os papeis nun recipiente de auga e, a continuación, tirábaos nun inodoro.

Con esta intervención, a Plataforma Veciñal de Lourizán quere denunciar que estes procesos de presentación de alegacións, en concreto, as referidas ao novo emisario submarino convertéronse nun mero trámite para a Xunta de Galicia. Entenden que non se analiza o fundamento destes escritos, que pasan a converterse en "papel mollado".

Sinalan que a Xunta xa ten anunciado, antes de rematar a fase de alegacións do novo emisario mergullado, a licitación para marzo e xa figura nos seus orzamentos de 2019.

Lembran que a empresa que redactou o proxecto do emisario actual en 1989 sinalaban que a zona de instalación era a idónea e ante as alegacións xa se dicía que non ía afectar á calidade das augas de baño nin aos bancos marisqueiros nin tampouco á Illa de Tambo.

Segundo este colectivo veciñal o paso do tempo demostrou que a zona do fondo da ría quedou afectada por aquel emisario ata o punto de que é o que "xustifica a necesidade de instalar un novo tubo emisario para as augas residuais urbanas", alegan desde a Plataforma.