O Concello de Poio conclúe o período de exposición pública do inventario de camiños do municipio durante o cal a cidadanía puido presentar alegacións aos 750 camiños inventariados.
Durante os dous meses desta fase do proxecto producíronse encontros entre persoal técnico e xurídico da empresa redactora do inventario, 'PROCAT Enxeñaría e Medio', técnicos municipais e veciñanza.
Ao redor de 150 persoas consultaron a cartografía exposta, expuxeron as súas dúbidas e recibiron asesoramento na presentación de alegacións.
As achegas veciñais referiron a medio centenar de camiños, máis da metade correspondían á inclusión de novos, un terzo para excluír outros inventariados e o resto solicitando modificacións de trazados ou das características dalgún dos viarios.
O proxecto continuará agora co estudo individual de cada alegación atendendo a criterios técnicos; así se determinará si dan lugar a incorporacións ou modificacións e posteriormente o documento mellorado levará a pleno para a súa aprobación definitiva.
Rocío Cochón, concelleira de Urbanismo, sinala que "desde o primeiro momento quixemos facer partícipe aos veciños dun proceso moi importante".
"Identificar correctamente os camiños públicos municipais ten consecuencias directas na vida das persoas, nas súas propiedades e na posibilidade de desenvolver proxectos familiares, residenciais ou empresariais", engadiu.
O documento final incluirá a ficha individualizada de cada camiño con fotografías, planos, coordenadas xeográficas e información legal asociada e estará a disposición da veciñanza de forma accesible con ferramentas de última xeración.
Permitirá ao Concello certificar a titularidade municipal, protección fronte a usos indebidos ou apropiacións, consulta inmediata de información, xerar informes técnicos, exportar datos, imprimir planos; e funcionalidades avanzadas como cruzamento de datos, georreferenciación, ou acceso a arquivos históricos.
Este proxecto iniciouse en xullo de ano pasado e conta cun orzamento de 7.500 euros.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.