A Policía Local recibe formación especializada para intervir ante casos de violencia machista

Pontevedra
29 de maio 2026

A iniciativa está dentro do programa 'Intervención policial en violencia contra a muller: Claves para unha intervención profesional'. Na primeira quenda participaron un total de 32 axentes

Curso de formación da Policía Local Concello de Pontevedra

Os axentes da Policía Local de Pontevedra están a participar nun curso de formación para garantir unha resposta óptima e profesional ante os casos de violencia contra a muller.

A iniciativa está dentro do programa 'Intervención policial en violencia contra a muller: Claves para unha intervención profesional' e suma un total de oito horas lectivas estruturadas en dúas sesións impartidas por docentes expertas no ámbito xudicial, social e psicolóxico.

Na primeira delas, a maxistrada da Audiencia de Pontevedra, Belén Rubido de la Torre, encargouse de informar sobre o marco xurídico que ampara ás vítimas.

A súa intervención abordou cuestións prácticas para os axentes como a correcta instrución dos ateigados, as garantías de seguridade e os protocolos de recollida de evidencias.

A segunda estivo centrada nas áreas sociolóxica e psicolóxica da man da educadora social e axente de igualdade Lucía Pereda Pérez, experta nestas violencias.

A especialista ofreceu as claves para identificar a orixe da violencia contra as mulleres e a súa manifestación no día a día.

Finalmente, a intervención da psicóloga Lara Fuentes Enjamio centrouse no trato directo no momento dos feitos desde o manexo da comunicación para xerar un clima de confianza que facilite a denuncia por parte da vítima, até as pautas recomendadas de interacción co agresor.

O curso está organizado pola Concellería de Protección Cidadana, coa colaboración de APAIOGA (Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega) e a supervisión técnica do Centro de Información á Muller (CIM).

O obxectivo do Concello é que a maior parte do o persoal da Policía Local adquira esta instrución especializada.