Ponte Caldelas pecha ao tráfico a Estrada do Balneario para avanzar na súa mellora

Ponte Caldelas
22 de xullo 2021

Está a realizarse durante estes días o formigonado e pulido do primeiro tramo, dende a Praza de España ata o entroncamento coa Praza de Mamá Clotilde.

O alcalde Andrés Díaz na zona de obras na Estrada do Balneario Concello de Ponte Caldelas

Ao longo desta semana execútanse os traballos para mellorar os itinerarios peonís de Estrada do Balneario co formigonado e o pulido do primeiro tramo, situado entre a Praza de España e o entroncamento coa Praza de Mamá Clotilde, segundo informan desde o Concello de Ponte Caldelas.

Nestas xornadas finalizaba o empedrado das beirarrúas e a aplicación da capa de formigón obriga a pechala ao tráfico ao longo dunha semana para que se realice o secado de maneira óptima.

Esta obra foi adxudicada por 439.389 euros a Asfagal Técnicas Viarias, unha empresa que ofreceu a oferta máis vantaxosa no concurso entre outras 32 propostas. A obra finánciase con fondos da Unión Europea, nun 80%, e o 20% restante corre a cargo da Deputación de Pontevedra.

Coa finalización da obra, a Estrada do Balneario quedará cun vial de sentido único con beirarrúas en pedra, estacionamento en batería, ademais de zonas para aparcamento de autobuses, zonas verdes e mobiliario urbano, segundo o proxecto aprobado polo goberno local.