O Concello de Pontevedra presentou ao Ministerio de Política Territorial a solicitude de axudas para financiar a reparación dos danos ocasionados polos fortes temporais rexistrados durante o pasado inverno.
O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, informou este martes de que a administración local xa completou a tramitación das actuacións que optan a esta liña de subvencións estatais, cuxo prazo de presentación finaliza este mesmo 21 de xullo.
A convocatoria, dotada con 130 millóns de euros, está destinada á recuperación de infraestruturas municipais e redes viarias afectadas por choivas torrenciais e outros fenómenos meteorolóxicos adversos.
No caso de Pontevedra, o Concello rexistrou actuacións valoradas en 2,5 millóns de euros e aspira a obter o importe máximo subvencionable, que alcanza o 50% do custo das obras, é dicir, 1,25 millóns de euros.
Mosquera destacou que Pontevedra será un dos municipios que maior volume de axudas solicitará ao Goberno central, aínda que precisou que a contía finalmente presentada é aproximadamente a metade da estimada inicialmente.
Segundo explicou, o Ministerio limita o financiamento aos danos ocasionados de forma directa polas precipitacións e o vento, o que obrigou a axustar a relación de actuacións que podían acollerse á convocatoria.
O edil subliñou ademais que a resolución destas axudas non condicionará a execución das obras previstas. De feito, algunhas das intervencións xa se atopan en marcha debido ao seu carácter prioritario e á necesidade de restituír servizos e infraestruturas danadas.
Entre as actuacións incluídas na solicitude figura a substitución da cuberta do Recinto Feiral, cun orzamento de 750.000 euros, a intervención de maior importe. O proxecto responde a deterioración sufrida pola estrutura como consecuencia da acción continuada do vento e a choiva.
Outra das actuacións máis relevantes é a reposición dun tramo de 260 metros do colector xeral de saneamento do río dos Gafos, nas inmediacións da estación intermodal, orzada en 658.000 euros.
As sucesivas crecidas da canle, os desprendementos de terra e a caída de árbores provocaron a rotura desta infraestrutura, cuxa reparación xa está en execución.
Tamén figura a canalización na Rúa do Santo, en Praceres (491.000 euros) que debido ás extraordinarias achegas de auga e arrastres inutilizaron a canalización subterránea, provocando anegamentos de maneira recorrente que afectaron de forma directa á veciñanza.
A relación de proxectos tamén contempla a mellora do colector de augas pluviais da rúa Celso Emilio Ferreiro, cun investimento de 135.000 euros, destinada a solucionar as inundacións que afectan os centros educativos da Xunqueira, así como o reasfaltado e reparación de numerosos camiños do rural deteriorados polas choivas, cun orzamento de 393.000 euros.
Así mesmo, o Concello solicita financiamento para diversas actuacións de menor contía, entre elas a reparación do centro social de Campañó, valorada en 39.000 euros, o Pavillón da Xunqueira (35.000 euros) e obras de mellora no edificio municipal da rúa Michelena, orzadas en 53.000 euros, ademais doutras intervencións en equipamentos de titularidade municipal.
"Os deberes fixémolos. Nós presentamos a solicitude e agora haberá que esperar á resolución", sinalou César Mosquera, quen confiou en que o Estado atenda unha parte importante das peticións formuladas polo Concello. "A ver se somos tamén dos que máis levan", concluíu.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.