O Porto de Marín estrea un sistema intelixente para atopar aparcadoiro

24 de setembro 2025

Grazas á intelixencia artificial e a través dunha app gratuíta chamada "Apparcamientos pto Marín" os usuarios poden consultar en tempo real cantas prazas están libres

Aplicación para móbiles para coñecer o estado de ocupación das prazas de aparcamento no porto de Marín Autoridade Portuaria de Marín y Ría de Pontevedra

O Porto de Marín xa ten en marcha un novo sistema de monitorización de prazas de aparcadoiro que permitirá aos usuarios saber en todo momento onde poden deixar o coche sen dar voltas de máis.

A Autoridade Portuaria, en colaboración coa empresa CTRL4 ENVIRO S.L., ampliou o proxecto piloto de Smart Parking que arrincou en 2023 na zona de Cabomar.

Agora, a iniciativa esténdese a outras áreas do porto, especialmente aquelas próximas aos frigoríficos, onde a diario se concentra un gran número de traballadores.

Grazas á intelixencia artificial, realizouse un mapeo completo do recinto e, a través dunha app gratuíta chamada "Apparcamientos pto Marín", dispoñible tanto para iOS como para Android, os usuarios poden consultar en tempo real cantas prazas están libres.

Todo se presenta de forma moi visual, con números claros e un sistema de semáforo que indica se hai pouca, media ou moita ocupación.

Ademais instaláronse paneis electrónicos nos accesos ao porto que informan os condutores sobre a dispoñibilidade de prazas antes de entrar.

En total, colocáronse 13 cámaras intelixentes capaces de detectar que prazas están ocupadas e cales libres, cubrindo así unhas 500 prazas de aparcadoiro distribuídas por zonas como Protea, Galfrío, o tendedeiro de redes, departamentos de talleres ou o peirao de reparacións, ademais de Cabomar.

Este sistema forma parte da estratexia de Transformación Dixital do Porto de Marín, e o seu obxectivo é facer máis eficiente a xestión do tráfico interno, coñecer mellor como se moven os vehículos dentro do porto e, sobre todo, facer a vida máis fácil a quen traballan alí ou o visitan.

Porto de Marín   Mónica Patxot