A xuíza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Vilagarcía de Arousa decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, do home detido pola súa presunta implicación na morte da súa nai o pasado 5 de setembro.
Segundo informaron fontes xudiciais, este individuo está investigado por un delito de homicidio.
A maxistrada ordenou a súa detención este martes, coincidindo co momento en que ía recibir a alta médica no hospital onde permanecía ingresado desde o día dos feitos.
O sospeitoso pasou este mércores a disposición xudicial e, tras tomarlle declaración, a xuíza ditou o seu ingreso en prisión.
O suceso tivo lugar na tarde do 5 de setembro nun piso da rúa Duque de Rivas, en Vilagarcía. A Policía Nacional investiga o caso como un presunto matricidio. A vítima, unha muller de 61 anos, foi achada morta no domicilio, tendida boca abaixo e con feridas producidas por arma branca.
No mesmo momento dos feitos, o fillo da vítima precipitouse desde a xanela da vivenda, situada nun terceiro piso.
Foi trasladado de urxencia ao Hospital do Salnés con diversos traumatismos e un cadro de shock hemorráxico. Debido á gravidade das súas lesións, foi posteriormente evacuado ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde permaneceu ingresado até este martes.
A investigación continúa aberta baixo segredo de sumario.