RADIO.- Estas mulleres demandaron ao xigante tecnolóxico Meta

Pontevedra
04 de abril 2023

A empresa galega Animosa presentou demanda contra Meta polos prexuízos ocasionados despois do hackeo da súa conta de Instagram. Explicáronnos o caso en PontevedraViva Radio  

Grupo de mulleres que conforman a firma galega Animosa Animosa

Feminina feminista, valente, inspiradora,... son máximas coas que as mulleres que conforman a empresa galega Animosa defínense no mercado da moda e papelería no que operan. Con esas mesmas máximas enfróntanse ao xigante tecnolóxico Meta que lidera Mark Zuckerberg.

Lara Monterde, community manager, explica no podcast 'Cara a cara' os motivos polos que decidiron demandar ao conglomerado californiano. En novembro de 2021 sufriron un hackeo na súa conta de Instagram, o que supuxo un importante prexuízo para a súa actividade no comercio en liña.

A pesar de que durante case dous meses estiveron a facer xestións para que a empresa dese unha solución, esta deu por resolto o problema sen achegar reparación. Así decidiron emprender accións legais que o pasado marzo levaron a que un xulgado de Vigo admita a trámite a súa demanda e que Meta este abril teña que dar unha resposta. 

Son conscientes da quen se enfrontan e o feito de "que sexa unha empresa xigante non significa que nos teñamos que calar e aguantarnos". Apelan nesta fronte que abriron á súa ideoloxía empresarial: "ao final levar esta causa ante a Xustiza dá continuidade ao noso espírito reivindicativo", explica Monterde en PontevedraViva Radio.