Ramón Rozas pregoará as Festas da Peregrina dando protagonismo á cultura de Pontevedra

Pontevedra
24 de xullo 2026
Actualizado: 13:34

É historiador da arte e documentalista, articulista en Diario de Pontevedra e membro do Consello da Cultura Galega. Oriúndo de Santiago, vive nesta capital desde a infancia

Ramón Rozas, pregoeiro das Festas da Peregrina 2026
Ramón Rozas, pregoeiro das Festas da Peregrina 2026 / Alberto de Madrid Lafuente

O Concello de Pontevedra escolleu un perfil vinculado á cultura e o xornalismo para dar inicio ás Festas da Peregrina no tradicional pregón do próximo sábado 8 de agosto. 

Ramón Rozas será quen exerza de pregoeiro nesta ocasión e como tal o presentou este venres o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores sinalando que "é un orgullo telo de pregoeiro para un final de mandato".

Tras agradecer a elección para o mencionado encargo, Rozas engadía que "para alguén que leva tanto tempo vivindo e traballando en Pontevedra é alegría, orgullo e responsabilidade".

Deixando constancia do seu apego por Pontevedra sinalou que "é unha ciuda moi especial onde se xuntan moitas cousas, aspectos históricos, xeográficos e humanos".

Ramón Rozas Domínguez, naceu en Santiago de Compostela e desde os sete anos reside en Pontevedra.

É licenciado en Historia da Arte pola USC, compaxina a súa actividade profesional en Diario de Pontevedra co comisariado artístico e a participación en catálogos e publicacións culturais.

É tamén membro do Consello da Cultura Galega na sección de creación e artes visuais contemporáneas.

Con este currículo "entendo que ao chamarme a cultura ten que ser a protagonista do pregón", avanzaba.

E así será, segundo adiantaba, xa que a redacción está lista, feita "con coidado, agarimo e coidando tamén a súa calidade literaria" pensando en quen non poidan estar presentes na Praza de España o 8 de agosto e achéguense ao pregón a través da súa lectura.

Por agora, da súa intervención desvelou que: "a historia das cidades fórmase co real e o imaxinario e a miña proposta é facer unha viaxe ao longo do tempo; con espazos e personaxes para dar respostas ao que sentimos cando percorremos Pontevedra". Unha viaxe para o que buscou "dous actores principais".

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora