Ribadumia inaugura o seu curso de iniciación ao galego da man da UNED

O Salnés
16 de xaneiro 2025
Actualizado: 18:45

Actualmente, o curso conta xa con 43 inscritos, destacando unha alta acollida na modalidade online, elixida pola maioría para facilitar a conciliación coas súas responsabilidades laborais e persoais

Curso de iniciación á lingua galega na Casa de Cultura de Ribadumia Concello de Ribadumia

O Concello de Ribadumia inaugurou o pasado martes na Casa de Cultura o curso de iniciación á lingua galega, promovido no marco dun convenio de colaboración coa UNED – Universidade Nacional de Educación a Distancia.

No acto de apertura participaron Rafael Cotelo, coordinador de Extensión Universitaria da UNED; Alfonso Vázquez, subdirector da UNED; o alcalde de Ribadumia, David Castro, os cales destacaron a importancia deste proxecto para a promoción e difusión do idioma galego.

O curso, que xa está en marcha, mantén aínda aberto o prazo de inscrición. No caso da modalidade presencial, as persoas interesadas poderán anotarse ata o 28 de febreiro, garantindo o acceso a un mínimo do 50% das sesións. A modalidade online, pola súa parte, ofrece unha maior flexibilidade, permitindo a inscrición en calquera momento, incluso unha vez finalizadas as clases, grazas á dispoñibilidade das leccións gravadas na plataforma da UNED.

As sesións formativas teñen lugar os martes en horario de 19:30 a 21:30.

Actualmente, o curso conta xa con 43 inscritos, destacando unha alta acollida na modalidade online, elixida pola maioría para facilitar a conciliación coas súas responsabilidades laborais e persoais.

Entre o alumnado inscrito atópanse persoas de distintas idades e nacionalidades, todas elas unidas polo interese e a vontade de aprender a lingua galega, un idioma que constitúe un elemento clave da nosa identidade cultural e un vehículo de integración.

O alcalde destacou que "o compromiso do Concello de Ribadumia coa promoción da lingua galega, fixo posible materializar esta proposta formativa".

"Dende o equipo de goberno traballouse con gran empeño para poder ofertar unha formación de calidade, e agradecemos encarecidamente á UNED pola súa disposición e colaboración, que permitiron facer realidade esta proposta formativa", engadiu David Castro.