Trasladan a Feira da Cebola ao parking do porto deportivo ante a previsión de chuvia

Sanxenxo
01 de setembro 2022

É o plan B no que levaba traballando o goberno municipal para poder manter a venda das cebolas, o concurso e a entrega de premios nun mesmo espazo cuberto. Para garantir o desenvolvemento do evento con seguridade, o aparcamento permanecerá pechado ao público durante a mañá e só será posible o tránsito peonil

Feira da Cebola de Sanxenxo Mónica Patxot

A celebración da edición número 40 da Feira da Cebola de Sanxenxo trasladarase ao aparcadoiro do porto deportivo ante a previsión de choiva para o vindeiro domingo.

É o plan B no que levaba traballando o goberno municipal para poder manter a venda das cebolas, o concurso e a entrega de premios nun mesmo espazo cuberto.

Para garantir o desenvolvemento do evento con seguridade, o aparcamento permanecerá pechado ao público durante a mañá e só será posible o tránsito peonil.

Os postos de venda estenderanse polo aparcadoiro conformando un circuíto que concluirá no escenario onde se realizará a entrega de premios do concurso ás cebolas máis grandes, as ristras máis longas e as composicións artísticas máis orixinais.

Un xurado formado por un enxeñeiro agrónomo, un técnico de Urbanismo, un membro de Entretendas e un membro de CETS decidirán como se reparten os 1.400 euros dos premios.

Durante o acto faranse entrega das Cebolas de Ouro 2022 que este ano recaerán no Grupo Froiz, en recoñecemento ao seu fundador Magín Froiz e en Pilar Leiro, veciña de Padriñán. 

En canto ao resto da programación, a tirada de fogos artificiais, prevista para o broche de ouro das festas patronais, suspéndese tamén pola previsión de mal tempo, do mesmo xeito que a verbena. Os actos litúrxicos poderían sufrir tamén modificacións e traslados.