Un Barcelos máis verde e máis peonil ábrese paso á espera da futura conexión con Santa Clara

Pontevedra
31 de maio 2024

"Está obra é exemplar porque nos permite un espazo público de alta calidade e de accesibilidade universal no centro da cidade", destacou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que xunto co presidente da Deputación, Luis López, presidiu a firma da acta de recepción

Novo aspecto dos viais perimetrais de Barcelos Mónica Patxot

Barcelos estrea oficialmente desde este venres o seu novo aspecto. A entrega ao Concello da obra de humanización de todos os viais perimetrais da praza pon fin a dezaseis meses de traballos neste ámbito urbano que, desde agora, é máis verde e máis peonil.

"Está obra é exemplar porque nos permite un espazo público de alta calidade e de accesibilidade universal no centro da cidade", destacou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que xunto co presidente da Deputación, Luis López, presidiu a firma da acta de recepción.

Na reforma integral dos viais que rodean a esta emblemática praza, o Concello investiu máis de 1,9 millóns de euros, financiados a través dun convenio coa institución provincial.

Esta actuación, que foi executada pola empresa EC Casas, supuxo retirar a calzada de lastra e substituíla por asfalto desde Perfecto Feijóo ata a Rúa do Rouco, cun tratamento diferenciado fronte ao colexio de Barcelos.

Para poder ampliar as beirarrúas e reforzar todo o carácter peonil, reduciuse a circulación a un único carril, implantando o sentido único con dirección obrigatoria facía a Rúa do Rouco e Cobián Roffignac, polo que xa non se podería circular en dirección a San Antoniño.

Os aparcamentos en superficie, pola súa banda, pasaron a ser de servizos. É dicir, limitados a quince minutos. Tamén se colocou mobiliario urbano e renovouse a iluminación.

Fernández Lores destacou que esta obra incluíu "traballos que aparentemente non ven pero que fan que a cidade funcione" como a renovación de todos os servizos soterrados de saneamento ou abastecemento, que tiñan máis de corenta anos de antigüidade.

Ademais, reforzouse o carácter verde desta praza e plantáronse novas árbores en todo o seu perímetro, á espera da ansiada conexión cos xardíns de Santa Clara, que creará un "pulmón verde" duns 20.000 metros cadrados.

Tanto o alcalde como o presidente da Deputación destacaron o "traballo excelente" realizado polos técnicos responsables deste proxecto e puxeron esta actuación como exemplo de colaboración institucional e veciñal. "É un día importante", sinalou López.

Este espírito colaborativo, segundo ambos os dirixentes, manterase cos futuros accesos a Santa Clara, que queren que sexa "accesible e fácil" para os cidadáns. Cando o organismo provincial teña definido o proxecto, o Concello ofreceralles a súa "máxima colaboración".

A este respecto, o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, indicou que en quince días confían en ter o proxecto básico de intervención no antigo convento e que, segundo as súas previsións, debería estar licitado antes de que termine este ano.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora