Unha muller de 38 anos morre apuñalada en Ponte Sampaio

Pontevedra
24 de outubro 2015
Actualizado: 10:46

Investígase se se trata dun caso de violencia machista. Ata o momento non hai detidos por estes feitos, pero a Policía Nacional e a Garda Civil teñen establecido un completo operativo de procura para localizar a un sospeitoso, que sería amigo da falecida co que no pasado tivo unha relación sentimental. Os feitos ocorreron, segundo informou a Policía Nacional, sobre as 3.50 horas na rúa da Ponte

Praia fluvial de Ponte Sampaio Concello de Pontevedra

Unha muller de 38 faleceu na madrugada deste sábado na parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio vítima dunha puñalada nun posible caso de violencia de xénero. Ata o momento non hai detidos por estes feitos, pero a Policía Nacional e a Garda Civil teñen establecido un completo operativo de procura para localizar a un sospeitoso, co que tivo unha relación sentimental ata hai uns meses. Estase a investigar se se trata dun caso de violencia machista, pero a Policía non descarta ningunha hipótese.

Os feitos ocorreron, segundo informou a Policía Nacional, sobre as 3.50 horas na rúa da Ponte, á altura do número 4, nas proximidades da ponte romana desta parroquia pontevedresa. A muller apareceu apuñalada ás portas da súa casa, de modo que a súa familia alertou ao 061, pero os sanitarios xa non lograron salvarlle a vida.

Fontes policiais indicaron que varias dotacións desprazáronse ata o lugar e tentan localizar ao presunto autor, un home que, tras o apuñalamento, tería fuxido nun coche propiedade da muller. 

A falecida, Conchi R.P., é moi coñecida na parroquia, onde rexentaba cun quiosco na zona da praia da Xunqueira. Dase a circunstancia de que o establecemento sufriu un grave incendio o pasado 16 de outubro e quedou calcinado. Ademais, o pai da falecida tivo aberto durante anos un bar en Ponte Sampaio ao pé da ponte, no baixo da casa onde vivía a muller. 

Do caso fíxose cargo o Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra.