Xosé Manuel Fernández Abraldes buscará o seu cuarto mandato en Barro: "Queda moito por facer"

Barro
20 de xullo 2026

O BNG elixe por unanimidade a Fernández Abraldes como candidato á alcaldía de Barro nas municipais de 2027. O actual rexedor optará ao seu cuarto mandato

Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro BNG de Barro

Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro desde hai case doce anos, tratará de revalidar a alcaldía. Será o candidato do BNG nas eleccións municipais de 2027.

Foi elixido por unanimidade na asemblea aberta celebrada pola formación nacionalista.

Esta decisión, segundo destaca o partido, avala a súa xestión á fronte do concello e abre unha nova etapa na que o proxecto do BNG "seguirá a traballar pola veciñanza".

O actual alcalde, que goberna en Barro desde 2015, agradeceu o apoio recibido e amosou o seu compromiso cos veciños, lembrando que "queda moito por facer".

O candidato subliñou que o traballo realizado até o de agora é a base sobre a que seguir avanzando.

Destacou ademais que nestes próximos anos "imos recoller os froitos do traballo que levamos facendo".

A militancia do BNG en Barro reafirmou así o seu respaldo a un proxecto político que ten como obxectivo continuar a transformación do concello.

Manter a xestión próxima e comprometida coa veciñanza será outra das súas principais liñas de actuación se logra revalidar o bastón de mando.

O partido, en todo caso, está preparando xa o traballo de cara á próxima cita electoral.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora