Un camión de grandes dimensións queda atrapado na contorna da ponte de Alba ao intentar evitala
Por Redacción
Volveu suceder na ponte de Alba pero nesta ocasión cunha variante. Desta vez, non se quedou atrapado un camión baixo a ponte senón na zona de drenaxe situada na contorna. O tráiler cun remolque de gran tamaño circulaba pola PO-225 ás 08.20 horas pola parroquia de Alba, tras deixar a estrada de Santiago para enlazar coa de Vilagarcía, atopouse co gálibo da ponte no que con frecuencia quedan encaixados os vehículos de gran tamaño.
O condutor, ao decatarse de que non podía acceder baixo a ponte porque as súas dimensións excedían as dimensións do túnel, decidiu virar para regresar á estrada de Santiago de Compostela. Pero na manobra o vehículo quedou atrapado na zona de drenaxe sen poder cambiar a dirección.
O camión quedou cruzado no medio da estrada provocando un atasco na zona. A Garda Civil de Tráfico trasladouse ata a zona e foi necesario cortar a circulación en ambos os sentidos.
Foi necesaria a intervención dun guindastre para sacar o vehículo. A operación durou máis de tres horas. Ata as 11.45 non se restableceu o tráfico neste punto conflitivo. A pesar da sinalización do escaso gálibo que presenta a ponte polo que pasa a vía ferroviaria, que foi ampliado cando se acometeron as obras de Alta Velocidade, seguen sendo numerosos os vehículos que quedan encaixados neste espazo.
Desde a Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns denuncian os trastornos que estes incidentes coasionan aos vehículos que circulan por esta contorna e reclaman unha solución por parte das administracións.
Relacionadas:
-
Piden un sistema electrónico con alarma que evite os accidentes na ponte de Alba
Por Anxo Lourido |
-
Volveu pasar! Un camión choca contra a ponte do ferrocarril en Alba
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Novo vehículo encaixado na ponte de Alba, esta vez un veleiro
Por Oskar Viéitez |
-
Un camión volve quedar encaixado baixo a ponte do tren en San Caetano
Por Redacción |
-
Un camión queda atascado na ponte de Alba
Por Redacción |