Volveu suceder na ponte de Alba pero nesta ocasión cunha variante. Desta vez, non se quedou atrapado un camión baixo a ponte senón na zona de drenaxe situada na contorna. O tráiler cun remolque de gran tamaño circulaba pola PO-225 ás 08.20 horas pola parroquia de Alba, tras deixar a estrada de Santiago para enlazar coa de Vilagarcía, atopouse co gálibo da ponte no que con frecuencia quedan encaixados os vehículos de gran tamaño.
O condutor, ao decatarse de que non podía acceder baixo a ponte porque as súas dimensións excedían as dimensións do túnel, decidiu virar para regresar á estrada de Santiago de Compostela. Pero na manobra o vehículo quedou atrapado na zona de drenaxe sen poder cambiar a dirección.
O camión quedou cruzado no medio da estrada provocando un atasco na zona. A Garda Civil de Tráfico trasladouse ata a zona e foi necesario cortar a circulación en ambos os sentidos.
Foi necesaria a intervención dun guindastre para sacar o vehículo. A operación durou máis de tres horas. Ata as 11.45 non se restableceu o tráfico neste punto conflitivo. A pesar da sinalización do escaso gálibo que presenta a ponte polo que pasa a vía ferroviaria, que foi ampliado cando se acometeron as obras de Alta Velocidade, seguen sendo numerosos os vehículos que quedan encaixados neste espazo.
Desde a Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns denuncian os trastornos que estes incidentes coasionan aos vehículos que circulan por esta contorna e reclaman unha solución por parte das administracións.