O espazo gastronómico do mercado terá 23 postos e abrirá ata a noite
Por Alejandro Espiño
Avanzan os trámites para converter o primeiro andar do mercado de abastos nun espazo gastronómico que reactive as instalacións. Ao mesmo tempo que se ultiman os traballos para rematar as obras, o Concello xa ten listas as bases que rexerán o proceso para adxudicar os 23 postos que formarán parte deste proxecto.
Destes 23 postos, quince terán extracción de fumes e terán entre 6 e 24 metros cadrados. Os interesados optarán a ocupar este espazo durante un ano, coa posibilidade de prórroga por tres máis. O canon oscilará entre os 301 e os 357 euros anuais, segundo destacou a concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías.
Os horarios de apertura do primeiro andar do mercado será de 06.00 a 22.00 horas durante a semana e ata as 23.30 horas na fin de semana. Os novos concesionarios, ademais, serán os encargados da limpeza das instalacións.
O Concello quere converter o mercado nun referente gastronómico baseado no produto da terra, nun espazo cultural de estilo de vida saudable, que ten que ver cun modelo de cidade que busca unha vida sa e activa.
Neste senso, cada un dos postos que son obxecto destas autorizacións destinaranse exclusivamente a actividades que encaixen dentro de produtos elaborados e degustación in situ, primando a variedade comercial dentro da oferta deste espazo e impulsando o consumo de produtos mercados na mesma praza de abastos.
Entre outras propostas, os postos poden ser tendas de sementes, legumes, fariñas ou produtos similares, adegas, vermuterías ou coctelerías, postos de cervexa artesá, venda de degustación de aceites, xeados artesas, postos de frituras de peixes, patacas ou carnes, venda e degustación de conservas, queixos, xamóns ou embutidos, propostas gastronómicas galegas ou de outras culturas, produtos vexetarianos ou ofertas de almorzos, cafés ou doces artesás.
Xunto cos criterios de solvencia económica e o proxecto comercial que presenten, tamén será motivo de valoración que sexa unha actividade que complemente o uso da planta de abaixo, a instalación de novas tecnoloxías, que sexan actividades promovidas por mulleres ou os postos de traballo que se poidan crear, entre outros factores.
Unha vez que saia publicado no Boletín Oficial da Provincia, haberá un prazo de 30 días hábiles para presentar as ofertas, arredor de seis semanas, e se resolverán en dez días.
Os proxectos que estean autorizados terán un prazo dun mes para montar os seus postos e, se así o desexan, facer as obras necesarias para axeitar a súa proposta comercial ao espazo que se lle conceda, seguindo sempre un manual de obra para garantir que sigan a identidade gráfica do novo mercado.
O Concello pide a todas as persoas que estean interesadas e que poidan ter necesidades de aclarar informacións, ser asesorados ou resolver dúbidas sobre este proceso se dirixan ben á administradora do mercado que se atopa situada no propio mercado ou ben á xefa de servizo na Casa da Luz.
Relacionadas:
-
O "gastroespazo" do Mercado inaugurarase o vindeiro xoves 22
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Polbo, mexillóns, empanadas, viños e ata unha 'merluzoteca', propostas do novo espazo gastronómico do Mercado
Por Diego Espiño |
-
O espazo gastronómico do mercado de Pontevedra recibe trece propostas
Por Alejandro Espiño |
-
A Sétima Feira volve ás súas orixes
Por Redacción |
-
Sétima Feira estrea tempada no Mercado con ánimos renovados
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra estrea o primeiro andar do Mercado cun Túnel do viño galego
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Esperan que no primeiro trimestre do 2019 estea habilitado o espazo gastronómico do mercado
Por Oskar Viéitez |
-
Confían en que o 'novo mercado' sirva para "darlle un pulo" ao centro histórico
Por Alejandro Espiño |
-
O groso da reforma do mercado farase durante as fins de semana
Por Alejandro Espiño |