Sanxenxo convocará en marzo un concurso para adxudicar o Servizo de Atención no Fogar
Por Redacción
A demanda no servizo de atención no fogar incrementouse considerablemente nos últimos meses no concello de Sanxenxo. Hai 7 meses só había unha persoa en lista de espera, hoxe xa son 39 os maiores que necesitan algún tipo de axuda domiciliaria.
Actualmente o persoal deste servizo está composta por unha coordinadora do servizo e as 23 auxiliares que atenden a 61 veciños con distintos graos de dependencia. O servizo de atención no fogar actualmente está a prestar 32.172 horas anuais, 2.681 ao mes. A Xunta ven de conceder a Sanxenxo 389 horas máis por mes, pero non dispoñen de persoal cualificado para cubrilas.
Ademais, 9 das 23 auxiliares están de baixa nestes momentos e a concellería de servizos sociais está a ter que recorrer a unha empresa para poder manter o servizo.
Tendo en conta a importancia e a dimensión que adquiriu este servizo, a dificultade para atopar persoal cualificado e as 39 persoas que están na lista de espera o goberno decidiu que unha empresa especializada se encargue da prestación deste servizo, como ocorre noutros concellos da contorna: O Grove, Meaño, Cambados, Meis, Ribadumia, Vilagarcía e Pontevedra.
O obxectivo principal é poder dar este servizo a todos os veciños que o demandan e garantir a estabilidade e a calidade desta prestación. O prego de condicións para a licitación contempla a adxudicación durante 2 anos, que se podería prorrogar en 2 anos máis, a razón dun máis un. A empresa adxudicataria terá que facerse cargo do persoal municipal por subrogación, é dicir das 23 auxiliares que atenden o servizo nas mesmas condicións laborais que teñen actualmente.
O prezo de saída que contempla o prego de condicións ascende a 1.135.916 euros anuais pola prestación de 52.728 horas anuais, o que permitirá atender aos 61 beneficiarios actuais, ás 39 persoas que engrosan a lista de espera e aos futuros demandantes.
Relacionadas:
-
Sanxenxo fixa para o día 9 os dous plenos extraordinarios suspendidos polo estado de alarma
Por Redacción |
-
Recollida de sinaturas e protestas no pleno, primeiras medidas sindicais contra a privatización do Servizo de Axuda no Fogar
Por Anxo Lourido |
-
Incredulidade da CIG coa decisión do concello de externalizar servizos municipais
Por Oskar Viéitez |
-
Cidadáns critica ao concello por privatizar o SAF
Por Oskar Viéitez |
-
A xustiza desestima a demanda polos cambios no SAF de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Concentración das traballadoras de Axuda no Fogar do Concello de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |