Sanxenxo convocará en marzo un concurso para adxudicar o Servizo de Atención no Fogar

Sanxenxo
21 de febreiro 2020

A demanda no servizo de atención no fogar incrementouse considerablemente nos últimos meses no concello de Sanxenxo. Hai 7 meses só había unha persoa en lista de espera, hoxe xa son 39 os maiores que necesitan algún tipo de axuda domiciliaria

Servizo de Axuda no Fogar
Servizo de Axuda no Fogar

A demanda no servizo de atención no fogar incrementouse considerablemente nos últimos meses no concello de Sanxenxo. Hai 7 meses só había unha persoa en lista de espera, hoxe xa son 39 os maiores que necesitan algún tipo de axuda domiciliaria.

Actualmente o persoal deste servizo está composta por unha coordinadora do servizo e as 23 auxiliares que atenden a 61 veciños con distintos graos de dependencia. O servizo de atención no fogar actualmente está a prestar 32.172 horas anuais, 2.681 ao mes. A Xunta ven de conceder a Sanxenxo 389 horas máis por mes, pero non dispoñen de persoal cualificado para cubrilas.

Ademais, 9 das 23 auxiliares están de baixa nestes momentos e a concellería de servizos sociais está a ter que recorrer a unha empresa para poder manter o servizo.

Tendo en conta a importancia e a dimensión que adquiriu este servizo, a dificultade para atopar persoal cualificado e as 39 persoas que están na lista de espera o goberno decidiu que unha empresa especializada se encargue da prestación deste servizo, como ocorre noutros concellos da contorna: O Grove, Meaño, Cambados, Meis, Ribadumia, Vilagarcía e Pontevedra.

O obxectivo principal é poder dar este servizo a todos os veciños que o demandan e garantir a estabilidade e a calidade desta prestación. O prego de condicións para a licitación contempla a adxudicación durante 2 anos, que se podería prorrogar en 2 anos máis, a razón dun máis un. A empresa adxudicataria terá que facerse cargo do persoal municipal por subrogación, é dicir das 23 auxiliares que atenden o servizo nas mesmas condicións laborais que teñen actualmente.

O prezo de saída que contempla o prego de condicións ascende a 1.135.916 euros anuais pola prestación de 52.728 horas anuais, o que permitirá atender aos 61 beneficiarios actuais, ás 39 persoas que engrosan a lista de espera e aos futuros demandantes.