Cerdedo-Cotobade acometerá este ano a reforma da Casa do Pobo de Corredoira
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade anunciou que acometerá "este mesmo ano" o proxecto de reforma e ampliación da Casa do Pobo de Corredoira, enmarcado no Plan de Centros Veciñais.
Esta actuación acaba de ser aprobada e está lista para emprender a súa licitación, sinala o goberno local. O seu orzamento será de 141.998 euros.
Trátase dun proxecto coordinado polo tenente de alcalde, Fernando Vázquez, e que se financiará con cargo ao Plan Concellos da Deputación.
A idea baséase na demolición do teleclub anexo e a reforma integral con dotación de novos servizos e distribucións do edificio orixinal, que data de 1933 e conta con 75 metros cadrados, e a súa ampliación cara o norte e o leste con 115 metros máis. Deste xeito, quedará unha sala de usos múltiples de 74 metros e no espazo restante instalaranse cociña, grellada, distribuidor, aseo, almacén, balcón e unha terraza exterior cuberta de 50 metros.
O atraso no proxecto debeuse, xustifica o Concello, por estar a súa propiedade en mans do Estado desde que fose incautada aos veciños polo réxime franquista.
"Despois dunha incautación inxusta e de privar aos veciños da Corredoira do que era seu, conseguimos reverter a situación de devolverlle a súa Casa do Pobo, algo que era necesario e de xustiza", sinalou respecto diso o alcalde, Jorge Cubela.
Relacionadas:
-
Sacan a concurso a reforma do Centro Sociocultural de Corredoira, edificio incautado polo franquismo
Por Andrea Sánchez Barreno |
-
Cubela anuncia a creación dun novo Local Social en Xesteira
Por Redacción |
-
Cubela xa pensa na reforma da Casa do Pobo de Corredoira despois de asinar a súa compra
Por Oskar Viéitez |
-
A Casa do Pobo de Corredoira xa é de propiedade municipal
Por Redacción |