Cerdedo-Cotobade acometerá este ano a reforma da Casa do Pobo de Corredoira

Cerdedo-Cotobade
16 de maio 2020

Esta actuación, que non se puido acometer antes por cuestións de titularidade, acaba de ser aprobada e está lista para emprender a súa licitación, confirma o goberno local

Proxecto de reforma da Casa do Pobo de Corredoira
Proxecto de reforma da Casa do Pobo de Corredoira

O Concello de Cerdedo-Cotobade anunciou que acometerá "este mesmo ano" o proxecto de reforma e ampliación da Casa do Pobo de Corredoira, enmarcado no Plan de Centros Veciñais.

Esta actuación acaba de ser aprobada e está lista para emprender a súa licitación, sinala o goberno local. O seu orzamento será de 141.998 euros.

Trátase dun proxecto coordinado polo tenente de alcalde, Fernando Vázquez, e que se financiará con cargo ao Plan Concellos da Deputación.

A idea baséase na demolición do teleclub anexo e a reforma integral con dotación de novos servizos e distribucións do edificio orixinal, que data de 1933 e conta con 75 metros cadrados, e a súa ampliación cara o norte e o leste con 115 metros máis. Deste xeito, quedará unha sala de usos múltiples de 74 metros e no espazo restante instalaranse cociña, grellada, distribuidor, aseo, almacén, balcón e unha terraza exterior cuberta de 50 metros.

O atraso no proxecto debeuse, xustifica o  Concello, por estar a súa propiedade en mans do Estado desde que fose incautada aos veciños polo réxime franquista. 

"Despois dunha incautación inxusta e de privar aos veciños da Corredoira do que era seu, conseguimos reverter a situación de devolverlle a súa Casa do Pobo, algo que era necesario e de xustiza", sinalou respecto diso o alcalde, Jorge Cubela.