O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, anunciou este venres que un dos grandes proxectos dos vindeiros meses será a creación dun novo Local Social en Xesteira, lugar pertencente á parroquia cotobadesa de Almofrei, coa ampliación do Plan de Centros Veciñais.
"O noso proxecto para mellorar ou construír espazos de referenza en todas as parroquias é o máis ambicioso da provincia e está practicamente encauzado para rematarse neste mandato, pero somos moi esixentes e sempre queremos darlle máis aos veciños, así que imos apostar agora por amplialo e chegar tamén a Xesteira", explicou o rexedor.
Cubela detallou que a parroquia de Almofrei conta con dúas partes ben diferenciadas: a máis baixa en torno a Arrotea e Fontenova, cuxa Casa do Pobo xa foi mellorada e vai ser obxecto de ampliación, e a superior, xa ao outro lado da estrada autonómica, na que residen preto dun cento de veciños das aldeas de Xesteira e As Cachopeiras.
"Cremos que a zona alta, a da Xesteira, debe contar cun local propio para a súa actividade veciñal e cultural e imos arrancar con esta operación este mesmo ano", engadíu o alcalde, que agarda que o proxecto sexa unha realidade entre os anos 2021 e 2022.
O rexedor revelou que nestas semanas estase a determinar o tipo de local social e o modelo polo que se vai optar en Xesteira que, coma no resto dos casos, pode pasar pola adquisición dunha parcela e posterior construción dun inmoble novo ou ben pola compravenda dunha vivenda para a súa rehabilitación.
"Todas as posibilidades están abertas e estamos a ver a mellor opción atendendo á comodidade e funcionalidade dos veciños e tamén á optimización dos cartos públicos", manifestou o alcalde.
Así, o goberno local segue apostando por un modelo de Plan de Centros Veciñais que recolle recintos públicos periféricos, máis alá das capitais e dos principais núcleos de cada parroquia, xa que neste tempo construíronse, arranxáronse ou están en proxecto en aldeas como Filgueira, Fentáns, Cutián ou Vilanova, entre outras.
Por outra banda, o citado plan está a afrontar a súa recta final, xa que está en obras o Centro Sociocultural de Tenorio, no que se invisten 620.000 euros e disporá dunha sala de actos para 300 persoas, e xa está listo o proxecto para a rehabilitación da Casa do Pobo de Corredoira con 141.000 euros tras a súa adquisición ao Estado.
Polo demais, o Concello tamén ten en marcha o Centro Cultural e Turístico Antonio Fraguas de Carballedo e baralla a construción dun local social en Fentáns, a remodelación da cuberta en Rebordelo e a ampliación da Casa do Pobo de Almofrei para finiquitar o arranxo desta rede de edificios no presente mandato.