Ensanchan un camiño en Vilanova de Tenorio para mellorar o acceso a quince vivendas

Cerdedo Cotobade
12 de novembro 2020

Ata 87.000 euros, que saen de achegas da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, servirán para financiar as obras para ensanchar un camiño municipal en Vilanova de Tenorio coñecido como Lugar de Abaixo, e que dá acceso a quince casas habitadas

Obras de ensanche dun camiño en Vilanova de Tenorio
Obras de ensanche dun camiño en Vilanova de Tenorio / Concello de Cerdedo-Cotobade

Ata 87.000 euros, que saen de achegas da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, servirán para financiar as obras para ensanchar un camiño municipal en Vilanova de Tenorio coñecido como Lugar de Abaixo, e que dá acceso a quince casas habitadas.

A súa estreiteza era un problema para poder facilitar a entrada de ambulancias e camións de emerxencia en caso de sinistro. Así, os veciños cederon terreos para ampliar o camiño.

Os traballos a realizar consistirán no ensanche e mellora deste camiño municipal que sufrirá unha ampliación de 1,5 metros e no que tamén se investirá gran parte do seu orzamento en levantar muros de pedra e a cubrición de aglomerado.

O alcalde, Jorge Cubela, sinalou que é unha obra "modesta pero moi importante" para os veciños que viven en Vilanova de Tenorio.

O goberno municipal, recordou Cubela, investiu neste lugar máis de 120.000 euros na mellora do seu abastecemento de auga, instalouse un parque infantil e outro biosaudable para favorecer o exercicio de persoas de todas as idades, houbo importantes obras en saneamento de fecais e ampliáronse ata seis camiños.