Sacan a concurso a reforma do Centro Sociocultural de Corredoira, edificio incautado polo franquismo

Cerdedo-Cotobade
10 de febreiro 2021

Cubela agarda que a competencia entre empresas e o interese por estas obras permita que o investimento e equipamento no novo edificio social sume outros 23.000 euros   

Centro Sociocultural de Corredoira
Centro Sociocultural de Corredoira / Concello de Cercedo-Cotobade

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de sacar a concurso a reforma e ampliación do Centro Sociocultural de Corredoira que parte cun investimento inicial valorado nuns 142.000 euros. Cubela agarda que a competencia entre empresas e o interese por estas obras permita que o investimento e equipamento no novo edificio social sume outros 23.000 euros, un aporte que suporía unha gran axuda por parte dos licitadores e que facilitaría e melloraría o plan para esta infraestrutura de goce veciñal.

O proxecto técnico a executar está realizado pola arquitecta local María García, que lle imprimu un interese especial no deseño das melloras para este edificio.

As empresas interesadas en executar estas obras disporán ata última hora do mércores 17 de febreiro para presentar as súas ofertas e a documentación necesaria para participar neste procedemento aberto e simplificado, no que o adxudicatario terá que depositar unha garantía do 5% do orzamento total.

Ademais, o edificio conta con certa historia, posto que se trata dunha infraestrutura rescatada para o pobo e que fora incautado polo franquismo. A Casa do Pobo de Corredoira foi adquirida polo Concello de Cerdedo-Cotobade ao Ministerio de Emprego por un importe de 12.000 euros, para ser posta a disposición dos colectivos e residentes desta parroquia despois de confirmar que esta edificación fora incautada polo franquismo: “Fixemos unha dura negociación co Ministerio para poder rescatar para o pobo a titularidade desta Casa do Pobo que tanto significaba desde o punto de vista emotivo para os habitantes de Corredoira e, ademais, era un acto de xustiza, de reparación e mesmo de reconciliación a súa reversión á titularidade municipal”, indicou o alcade Jorge Cubela.

Unha vez feita a adquisición do inmoble, o alcalde Jorge Cubela comprometeuse a executar un ambicioso proxecto de reformae ampliación das instalacións, co fin de que estas tiveran un mellor aproveitamento por parte de veciñanza, e dentro da política deseñada polo rexedor de dotar de infraestruturas axeitadas en todas e cada unha das parroquias para goce veciñal. 

O proxecto construtivo pretende dar resposta á funcionalidade do edificio, así como a mellorar a súa imaxe exterior para adecuala aos novos tempos e ás necesidades de uso por parte da veciñanza de Corredoira. Así, as obras transformarán o local nun novo edificio con salón de usos múltiples, un espazo que albergue unha terraza cuberta e acristalada, balcón, cociña, asadeiro, amplo cuarto de baño de uso convencional e para persoas con problemas de mobilidade e un pequeno almacén.

Entre as melloras que poden ofertar os licitadores que aspiren a realizar esta obra están o subministro dunha estufa de pellets, a colocación de varias contraxanelas, un armario metálico para unidade exterior de clima, varios revestimentos e acabados, mobiliario e equipamento de cociña, elementos e accesorios para o cuarto de baño, así como varias actuacións en materia relacionada coa humanización e urbanización do entorno do Centro Sociocultural de Corredoira, unha pérgola anexa a muro de peche, un abedul e unha parra virxe.

O alcalde Jorge Cubela manifestou que "a nosa intención, como fixemos sempre neste tema, é ir da man da asociación de veciños e dos colectivos sociais para lograr que este novo edificio sexa totalmente operativo, e para desenvolver o máximo de actividades posibles no momento en que a pandemia nos permita recuperar a nosa normalidade". Ademais tamén engadiu que, con este proxecto, pretendía "fomentar os encontros de boa veciñanza, a convivencia veciñal e dotar dun espazo para o lecer das persoas maiores e da mocidade na parroquia de Corredoira”.