Carmela Silva, presidenta da Deputación: "Imos cerrar bares e restaurantes, pero os prostíbulos seguen abertos. Hai que pechar os prostíbulos"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, mostrábase molesta este xoves ao coñecer a orde da Xunta para adoptar medidas restritivas contra a pandemia.
A máxima representante provincial, durante a presentación dunhas xornadas nas que se analizará a cousificación das mulleres a través da Escola de Igualdade María Vinyals, mostrou o seu apoio ás medidas adoptadas pola administración autonómica pero manifestou o seu enfado en relación co silencio sobre os establecementos nos que se exerce a prostitución e que non aparecen recollidos nas medidas publicadas no DOG.
"Imos cerrar bares e restaurantes, pero os prostíbulos seguen abertos. Hai que pechar os prostíbulos. Eu espero que nos digan que si, que se van pechar. E, por certo, hai que tomar medidas para que se pechen xa para sempre. Ninguén fala diso. É un escándalo. Indígname. Ninguén fala dos prostíbulos abertos", afirmaba, moi molesta, Carmela Silva.
Tamén manifestou que espera que o goberno de Núñez Feijóo anuncie, canto antes, as medidas económicas para apoiar a un sector tan importante como o da hostalería e o da restauración porque, do contrario, considera que se leva a este colectivo á ruína porque se atopa "ao límite" e vai permanecer un mes pechado. Pediu a Núñez Feijóo que anuncie as medidas de apoio a este sector: "Despois será imposible rescatalos. Hai que rescatalos agora", explicou.
A presidenta da Deputación de Pontevedra manifestou que apoia as medidas tomadas para evitar un colapso no sistema sanitario: "creo que hai que apoiar todas as decisións que adopten todas as administracións, sen facer críticas que non estean baseadas en intentar apoiar". Con todo, engadiu que igual que os organismos provinciais e os Concellos están a mostrar este apoio ás decisións que toma a Xunta, pídelle ao executivo de Alberto Núñez Feijóo que deixe de confrontar cada día co Goberno do Estado, que lidera Pedro Sánchez. Entende que esta actitude provoca preocupación na cidadanía.
"Precisamos de discursos que permitan dar seguridade. Dende logo, facendo críticas continuadas, non baseadas en ningún argumento lóxico, non se avanza e se xeneran inquietudes que, ademais, son absolutamente inxustas", dixo Carmela Silva na súa comparecencia.
Lembrou que o presidente autonómico foi o primeiro en poñer o berro no ceo cando o Goberno español anunciou un segundo estado de alarma e agora é o primeiro en usalo para adoptar estas medidas restritivas, para reducir a mobilidade das persoas porque, explicou a presidenta provincial, é a única fórmula para facelo "segundo os constitucionalistas".
Carmela Silva sinala que a Xunta ten que tomar decisións, a través do comité clínico, pero debe escoitar tamén ás entidades locais. Lamentaba esta mañá que o presidente da Xunta non convocase aos grandes Concellos de Galicia nin tampouco ás catro deputacións. "Enterámonos das medidas a través dos medios de comunicación" e, por este motivo, indica que non se pode pedir apoio desde a Xunta cando se descoñecen as medidas que se van a adoptar e non se ten en conta o que poden achegar outras entidades.
"É momento de xenerosidade e de acordos. Agardamos que a Xunta de Galicia cambie e conte máis co mundo local, que ten moito que decir", concluíu a presidenta provincial.
Relacionadas:
-
Carmela Silva pide por carta a Susana López Abella que a Xunta inclúa os prostíbulos entre os locais pechados pola covid-19
Por Redacción |
-
Presentan a Maleta dos Océanos, unha proposta educativa que combina o papel das mulleres e a salvación dos recursos mariños
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Consulta as actividades non esenciais que quedan prohibidas no perímetro de Pontevedra durante un mes
Por Natalia Puga |
-
As novas restricións rebaixan aínda máis o aforo de eventos deportivos: máximo 150 espectadores con condicións
Por Diego Espiño |
-
A hostalería pontevedresa só aceptará un peche á alemá
Por Manu Otero |
-
Feijóo anuncia o peche das actividades "que non sexan esenciais" en practicamente toda a comarca
Por Diego Espiño |