A 'Camelia reticulata Caldas', plantada en 2016, incorpórase ao Rexistro Internacional da Camelia

Por Redacción

© Concello de Caldas

© Concello de Caldas
A Estación Fitopatolóxica do Areeiro, pertencente á Deputación, trasladaba este martes ao Concello de Caldas a aprobación e incorporación da 'Camelia reticulata Caldas' ao Rexistro Internacional da Camelia.
Esta camelia era plantada en 2016 no xardín botánico do municipio, coa intención de homenaxear ao científico ilustrado Francisco José de Caldas e prócer da independencia de Colombia, nomeado ademais fillo adoptivo da vila terman onde ten as súas raíces familiares.
O profesor Wang Zhonglang, da Universidade de Kunming, é o encargado de coordinar desde China para todos os países o proceso de recoñecemento desta nova camelia, que foi obtida por unha veciña de Cuntis Leonor Magariños, a partir da semente da camelia reticulata 'Lasca Beauty'.
A Estación Fitopatolóxica do Areeiro foi a encargada de propoñela para o rexistro internacional. Trátase dunha flor moi grande, de 15 centímetros de diámetro, con cor rosa clara brillante, de forma semidobre e con ata unha vintena de pétalos.
Outra das súas características é que presenta estames tubulares con filamentos de cor crema. As follas chegan aos 17 centímetros de extensión, de cor verde escura e forma elíptica-laceolada. O seu período de floración é tardío e finaliza no mes de abril.
O alcalde de Caldas Juan Manuel Rey, mostraba a súa satisfacción porque a figura universal do botánico, xeógrafo e astrónomo Francisco José de Caldas sexa recoñecido no mundo das camelias. Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente e deputado provincial, Manuel González, celebraba este recoñecemento que sitúa ao municipio no mapa mundial das camelias.