Santa Clara será público por 3,2 millóns: "É un día histórico", afirma o alcalde
Por Alejandro Espiño
O convento de Santa Clara pasará a ser público. O Concello de Pontevedra chegou a un preacordo verbal coas clarisas, a orde relixiosa propietaria do histórico inmoble, para adquirilo. O prezo pactado entre ambas as partes é de 3,2 millóns de euros.
"É un día histórico para Pontevedra", sinalou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que explicou que a compra está "encarrilada" a falta dos trámites administrativos pertinentes que, segundo desvelou, poderían aínda demorarse varios meses.
Fernández Lores asegurou que nos seus 22 anos como alcalde "este é uns dos anuncios máis importantes e dos que me sinto máis orgulloso". Entende que esta operación urbanística "está á altura" do que significou integrar a Alameda de Sesmeros e as Palmeiras na cidade.
As negociacións para a compra de Santa Clara comezaron a finais de 2017 e foron avanzando "pasiño a pasiño", segundo o rexedor, que explicou que se aceleraron a partir de 2019 cando as clarisas tomaron a decisión de abandonar o convento definitivamente.
Os 3,2 millóns que custará esta adquisición, reiterou o goberno municipal, é unha cantidade axustada a prezo de mercado" e que foi fixada tras unha negociación "dura e firme" por ambas as partes. O Concello comprometeuse a abonar o diñeiro nun pago único.
Co acordo polo inmoble xa pechado, agora resta por culminar a negociación polos bens artísticos que hai dentro do convento, entre eles os retablos, porque por agora a orde das clarisas "non ten decidido vendelos", apuntou o alcalde.
"Gustaríanos que se quedaran", engadiu Fernández Lores, que defendeu que algunhas destas obras de arte "son de difícil traslado" e sobre elas terá que decidir ademais Patrimonio ao estar catalogadas e protexidas, do mesmo xeito que o está o propio convento.
Desde o goberno municipal aseguran estar "moi ilusionados" co feito de que o convento pase a ser un ben público "e que quede para uso e disfrute da cidadanía" de Pontevedra.
Para os posibles usos que se lle vaian a dar a Santa Clara tras completar o proceso de compra, o alcalde explicou que se encargará un estudo "en profundidade" que analice as súas posibilidades e, ademais, "non desbotamos" negociar con outras administracións.
A este respecto, Lores citou expresamente á Deputación de Pontevedra e, a preguntas de PontevedraViva, recoñeceu que unha das posibilidades é cedelo ao Museo.
Con respecto á horta e aos xardíns de Santa Clara, que teñen unha superficie duns 10.000 metros cadrados, o Concello quere abrilos á cidadanía e, na medida do posible, integralos na trama urbana de Barcelos.
A dificultade radica en que o muro que rodea ao convento tamén está protexido por Patrimonio, polo que haberá que negociar con este departamento para estudar a forma de crear novos accesos a esta zona verde e resolver os problemas de accesibilidade.
DATOS HISTÓRICOS SOBRE SANTA CLARA
O convento de Santa Clara foi fundado en 1271 por Pedro Rodríguez e Teresa Páez de Sotomayor. É anterior a San Francisco. Foi renovado ente os séculos XIV e XV e conta cunha superficie intramuros de 12.606 metros cadrados. Actualmente é un ben catalogado.
A superficie edificada é de 5.417 metros cadrados, repartidos en dúas plantas de 2.722 e 2.105 metros cadrados e dúas naves de 300 e 290 metros cadrados respectivamente. Ademais, outros 241 metros están no exterior do convento e corresponden á escaleira e á rampla de acceso e aos xardíns situados na entrada.
Relacionadas:
-
Rafa Domínguez asegura que Lores e Mosquera "permitiron o espolio cultural e artístico de Santa Clara"
Por Anxo Lourido & Alejandro Espiño |
-
Pontevedra e Santa Clara, máis unidos que nunca
Por Alejandro Espiño |
-
A compra de Santa Clara, cada vez máis preto: será efectiva dentro dun mes
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Taxan en medio millón de euros o valor dos bens artísticos de Santa Clara
Por Alejandro Espiño |
-
O Plan Xacobeo destinará 5 millóns a reformar o convento de San Francisco e o mosteiro de Lérez
Por Redacción |
-
O BNG esixe á Xunta que "non se poña de perfil" e colabore en rehabilitar Santa Clara
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Prohibido mirar cara ao convento e ter as celosías rotas: así foi a primeira operación inmobiliaria das monxas clarisas
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
As clarisas cederán os retablos de Santa Clara ao Concello durante catro anos
Por Alejandro Espiño |
-
O Museo colaborará "en todo o que faga falta" para recuperar Santa Clara
Por Alejandro Espiño |
-
O PP celebra a compra de Santa Clara e ve "adecuado" o prezo
Por Alejandro Espiño |
-
Un enterramento de monxas no xardín e o destino dos retablos, "flecos" para pechar a compra de Santa Clara
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O PP pide fiscalizar unha posible adquisición de Santa Clara para evitar un "pelotazo inmobiliario"
Por Redacción |
-
A compra de Santa Clara e o contrato do lixo, obxectivos de Lores para o 2021
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Técnicos municipais supervisan Santa Clara ante a oferta do Concello para adquirir o convento
Por Alejandro Espiño |