Evaristo Estévez, promotor do recurso sobre Raíña Vitoria, asume que a falta de oposición veciñal significa que apoian a medida
Por Natalia Puga
O avogado pontevedrés Evaristo Estévez, que en outubro de 2020 impulsou o recurso contra o bando da Alcaldía polo que se acordaba o peche ao tráfico de Raíña Vitoria, valorou este xoves a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimando o seu recurso e recoñeceu que a peonalización non tivo a suficiente "contestación social e cidadá". Á vista de tal situación, como cidadán, cre que o seu traballo neste asunto "ha finalizado".
Estévez considera que a sentenza do TSXG non ampara que o Concello manteña o peche de Raíña Vitoria a día de hoxe, senón que só avala que podía acordalo nos momentos máis duros da pandemia, pero, deixando ao carón esta conclusión, recoñece que a medida "polo menos ata a data, non se viu acompañada dun rexeitamento social evidente" por parte da cidadanía que puidese resultar máis ou menos prexudicada.
Así, pon como exemplo o ocorrido recentemente no barrio pontevedrés de Monte Porreiro, onde si se viu unha oposición veciñal ao proxecto de peonalización. No caso de Raíña Vitoria, tan só se viron, segundo este avogado pontevedrés, "posicionamentos persoais e particulares en redes sociais, artigos de opinión ou a manifestación dalgúns partidos políticos e os seus representantes".
Evaristo Estévez fala de que a Sala do TSXG "non ampara un peche definitivo como o actual da avenida", pero, de todos os xeitos, a contraposición a esta postura municipal "só pode provir da contestación social e cidadá" e si a mesma non se produce, como neste caso, a súa conclusión é que "será porque a maioría dos cidadáns están de acordo con a medida". E ese é o motivo polo que el non seguirá adiante coa súa oposición.
Contra a sentenza do TSXG hai opción de interpor recurso de casación ante o Tribunal Supremo, pero non recorrerá.
O recurso que desestima o TSXG impulsouno Estévez, pero adheríronse as asociacións empresariais Aempe, Jóvenes Empresarios (AJE), a Cámara de Comercio e os hosteleiros de Hoempo.
Evaristo Estévez deu a coñecer este xoves o contido íntegro da sentenza do TSXG, que se ditou o 1 de outubro por parte dun tribunal integrado polos maxistrados Luís Villares (antigo líder de En Marea), Francisco Javier Cambón, Cristina María Paz e Juan Carlos Fernández.
O fallo xustifica que o recurso debe desestimarse porque está ben xustificado na situción de pandemia da covid-19, pois xustifícase na situación e condicións en que se atopa o instituto Sánchez Cantón e en que a proposta é para "mitigar os efectos que a ese centro e ás persoas que a el acudían a diario".
Ademais, dálle o visto e prace ao bando municipal porque "as medidas estaban temporalmente limitadas, por máis que se indicase que o peche do tráfico rodado e as demais medidas adoptásense por tempo indefinido, pois este non debe entenderse como permanente, senón temporal e asociado á situación transitoria que se presentaba".