Escolares do San José protagonizan a primeira visita ao Concello desde o estalido da pandemia
Por Manu Otero
As visitas de escolares ao Concello están de volta. Alumnos e alumnas de cuarto de Educación Primaria do colexio San José descubriron este xoves o funcionamento do Concello de Pontevedra da man do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, que compartiu varios minutos cos estudantes e resolveulle todas as dúbidas e curiosidades que tiñan sobre o funcionamento da institución.
Trátase da primeira visita destas características que se celebra desde o estalido da pandemia, que obrigou a suspender esta tradición durante case dous anos.
Na sala de reunións do segundo piso do consistorio, o rexedor pontevedrés explicou aos alumnos como se goberna unha cidade, como se elixen aos concelleiros ou as funcións que teñen cada un dos edís, entre outras moitas preguntas que, un a un, foron realizando os preto de vinte alumnos que visitaron "a casa de todos vos pontevedreses e pontevedresas".