Menchu Lamas e Rosario Álvarez reciben en Pontevedra os Premios Otero Pedrayo 2021
Por Redacción
O Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra foi escenario este sábado da gala de entrega dos Premios Otero Pedrayo que promoven as catro deputacións galegas.
A cultura, as artes e a lingua convertéronse en protagonistas dunha xornada que recoñeceu ex-aequo a dúas mulleres como a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e a artista plástica Menchu Lamas.
Vestida para a ocasión cunha alfombra vermella que chegaba ao Salón de Plenos desde o centro da Avenida Montero Ríos, a Deputación celebrou a gala nun acto ao que acudiron representacións das catro administracións provinciais, da universidades, da Xunta e os presidentes da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López, ademais de diferentes nomes do mundo da cultura e as artes.
Unha recepción ás dúas premiadas, que asinaron no libro de honra da institución, foi o preludio a unha gala que comezou co xurado dando a coñecer ás gañadoras e explicando o por que da súa elección.
No caso de Menchu Lamas, destacouse que "con ela recoñézase por primeira vez nos Premios o traballo dunha artista plástica galega". A pintora galardoada, pola súa banda, reivindicou que "cando se valora a pintura ou a creación contemporánea está a valorarse o que é o futuro dun país, e dunha sociedade máis libre", sentíndose emocionada por un premio "que leva o nome de quen representa a modernidade da paisaxe e fíxonos mirar doutra maneira o que é Galicia".
En cando a Rosario Álvarez, primeira muller en presidir o Consello da Cultura Galega, foi valorada polo xurado como unha "referente imprescindible no estudo e investigación científico da lingua". "Sempre digo que son profesora, porque esa vocación vén da miña confianza no poder da educación e do coñecemento, os trazos da miña vida. Fíxenme investigadora para saber máis e poder transmitilo, a educación deume satisfaccións impagables", sinalou á súa vez a propia Álvarez.
As dúas premiadas convértense na cuarta e na quinta muller galardoadas nos 44 anos de historia dos Premios Otero Pedrayo.
Na gala tamén interveu tamén a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, encomiando ás dúas homenaxeadas como "dúas mulleres que lle poñen altura cultural e intelectual a Galicia". Tanto que "hoxe Otero Pedrayo estaría feliz e diría que acertamos. Naceron dúas mulleres que traballan para que non perdamos a nosa lingua, a nosa cultura, e nacerán outras que seguirán traballando para seguir construíndo", defendeu.