Menchu Lamas e Rosario Álvarez reciben en Pontevedra os Premios Otero Pedrayo 2021

Pontevedra
18 de decembro 2021

O Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra foi escenario este sábado da gala de entrega dos Premios Otero Pedrayo que promoven as catro deputacións galegas

Premios Otero Pedrayo 2021 na Deputación de Pontevedra
Premios Otero Pedrayo 2021 na Deputación de Pontevedra / Deputación de Pontevedra

O Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra foi escenario este sábado da gala de entrega dos Premios Otero Pedrayo que promoven as catro deputacións galegas.

A cultura, as artes e a lingua convertéronse en protagonistas dunha xornada que recoñeceu ex-aequo a dúas mulleres como a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e a artista plástica Menchu Lamas.

Vestida para a ocasión cunha alfombra vermella que chegaba ao Salón de Plenos desde o centro da Avenida Montero Ríos, a Deputación celebrou a gala nun acto ao que acudiron representacións das catro administracións provinciais, da universidades, da Xunta e os presidentes da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López, ademais de diferentes nomes do mundo da cultura e as artes.

Unha recepción ás dúas premiadas, que asinaron no libro de honra da institución, foi o preludio a unha gala que comezou co xurado dando a coñecer ás gañadoras e explicando o por que da súa elección. 

No caso de Menchu Lamas, destacouse que "con ela recoñézase por primeira vez nos Premios o traballo dunha artista plástica galega". A pintora galardoada, pola súa banda, reivindicou que "cando se valora a pintura ou a creación contemporánea está a valorarse o que é o futuro dun país, e dunha sociedade máis libre", sentíndose emocionada por un premio "que leva o nome de quen representa a modernidade da paisaxe e fíxonos mirar doutra maneira o que é Galicia".

En cando a Rosario Álvarez, primeira muller en presidir o Consello da Cultura Galega, foi valorada polo xurado como unha "referente imprescindible no estudo e investigación científico da lingua". "Sempre digo que son profesora, porque esa vocación vén da miña confianza no poder da educación e do coñecemento, os trazos da miña vida. Fíxenme investigadora para saber máis e poder transmitilo, a educación deume satisfaccións impagables", sinalou á súa vez a propia Álvarez.

As dúas premiadas convértense na cuarta e na quinta muller galardoadas nos 44 anos de historia dos Premios Otero Pedrayo. 

Na gala tamén interveu tamén a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, encomiando ás dúas homenaxeadas como "dúas mulleres que lle poñen altura cultural e intelectual a Galicia". Tanto que "hoxe Otero Pedrayo estaría feliz e diría que acertamos. Naceron dúas mulleres que traballan para que non perdamos a nosa lingua, a nosa cultura, e nacerán outras que seguirán traballando para seguir construíndo", defendeu.