O CHOP, cuarto hospital galego con máis denuncias a través do Defensor do Paciente
Por Redacción
A asociación O Defensor do Paciente recibiu durante o ano 2021 un total de 235 denuncias por presuntas neglixencias médico-sanitarias na provincia de Pontevedra. Son o 36% dos 709 casos recibidos en toda Galicia e esta provincia foi a segunda con máis reclamacións, só superada pola Coruña.
Por hospitais, o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP) é o cuarto de Galicia máis denunciado, superado, por esta orde, polo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo ( CHUVI).
O servizo máis denunciado foi en 2021 o de Urxencias, seguido en número de reclamacións por Cirurxía xeral, Traumatoloxía, Lista de espera e Xinecoloxía e obstetricia.
Galicia establécese como a quinta comunidade máis denunciada con 709 casos, dos cales 44 foron con resultado de morte. Con respecto a 2020 os asuntos aumentaron, de forma ostensible, nun total de 199 o que supón unha subida do 28%.
Os valores fluctúan lixeiramente por baixo das cifras de anos pasados debido a que, facendo a media do últimos dez, rexístranse uns 730 casos ao ano.
Desde o Defensor do Paciente sinalan que a pesar de que Galicia é a segunda rexión con mellores datos de lista de espera, só por baixo do País Vasco, sospeitan que "os números están edulcorados". Así, á vista das reclamacións recibidsa, conclúen que o Sergas, á hora de contabilizar, pasa por alto o proceso de probas diagnósticas e citas co especialista.
Esta asociación tamén denuncia que o cabalo de batalla da sanidade galega sitúase na deterioración da Atención Primaria, cunha situación "máis que inquietante pola escaseza de médicos e enfermeiras".
Respecto diso, sinalan que é "inhumano os malos tratos ao que están expostos os profesionais pola imposibilidade de cubrir prazas nos PAC" e piden un plan de choque cunha dotación próxima aos 200 millóns de euros.
Tamén nos servizos de Urxencias detectan "sobrecarga física e psíquica dos seus traballadores".
O colectivo recolle estes datos na súa memoria anual de actividade, na que recollen que o número de neglixencias en España experimentou un considerable aumento. Así, en 2021 houbo un total de 13.156 casos, 2.647 máis que en 2020, un incremento do 25%.
Do total de casos tramitados, 628 foron con resultado de morte. Recibiron o ano pasado 100 casos máis por presunta morte por neglixencia que un ano antes e regrésase a datos que non se vían desde hai unha década.