Protesta para denunciar o bloqueo que exerce a xerencia da área sanitaria sobre os representantes sindicais
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Os representantes sindicais concentráronse este martes 1 de febreiro nas portas do Hospital Provincial. Continúa sen existir diálogo coa xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra e, por este motivo, decidiron iniciar protestas para denunciar a situación. A ruptura producíase o 21 de xaneiro cando os representantes dos traballadores decidiron abandonar unha comisión ao entender que a dirección lles bloqueaba a información.
Nas últimas xornadas, os sindicatos enviaban un escrito informando o persoal dos centros públicos sanitarios de Pontevedra da ruptura de comunicación coa actual directiva. Acusan o equipo que dirixe o xerente José Ramón Gómez de faltar ao respecto aos representantes dos traballadores e, por tanto, a todos os empregados sanitarios.
Sinalan que é continua a falta de información cunha política de feitos consumados e nula colaboración. Aseguran que, entre outras cuestións, non lles ofrecen datos sobre a problemática nas quendas de noites e os festivos de novembro que non foron pagadas; dos cambios de quendas de unidades; do cambio das condicións de traballo a través das "axendas de calidade" en primaria; ou das imposicións que, afirman, prodúcense na organización da actividade nos Puntos de Atención Continuada (PAC).
A decisión sindical é trasladar directamente estas queixas á dirección do Sergas para que se adopten medidas. Denuncian que a xerencia culpa aos propios sindicatos de todos os fallos que son consecuencia da "desorganización do equipo directivo". Por esta suma de motivos, piden a dimisión da xerencia da área sanitaria.
Anuncian que continuarán con estas protestas ata que sexan recibidos pola xerencia e pola dirección de Recursos Humanos do Sergas. Á protesta tamén se sumaron profesionais sanitarios de distintos centros de saúde con concentracións nos seus lugares de traballo.
RESPOSTA DA DIRECCIÓN DA ÁREA SANITARIA
A dirección da área sanitara de Pontevedra-O Salnés emitía este martes un comunicado para indicar que "nunca cortou o diálogo coas organizacións sindicais, sempre tivo e ten aberta a porta ao diálogo tanto cos órganos formais de representación como directamente cos interlocutores lexítimos dos traballadores".
Lamentan a decisión adoptada por algunhas das organizacións sindicais da xunta de persoal, ás que acusan de promover a ruptura. Engaden desde a xerencia que gardan o "máximo respecto aos axentes sociais como representantes dos nosos profesionais". Por último, a dirección mostra o seu desexo de que "se restablezan as relacións o máis pronto posible para retornar á senda do traballo e da normalidade, para avanzar en cuestións que están a demandar os traballadores"
Relacionadas:
-
Representantes sindicais piden ao conselleiro de Sanidade que medie no conflito coa xerencia da área sanitaria
Por Redacción |
-
O BNG convoca unha concentración en defensa do PAC de Caldas
Por Redacción |
-
Representantes sindicais plantan á xerencia da área sanitaria por falta de información sobre impagos ao persoal
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Continúan as protestas reclamando o cesamento da xerencia do Complexo Hospitalario de Pontevedra
Por Redacción |
-
Centos de persoas demandan a destitución da xerencia dos hospitais de Pontevedra se non abre vías de diálogo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |