O Sergas asegura que o centro de saúde da Parda resolve o 99% das chamadas perdidas no mesmo día
Por Oskar Viéitez
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores, visitou este xoves en Pontevedra o centro de saúde da Parda, onde se resolven o 99% das chamadas perdidas no mesmo día e cun tempo máximo de resposta de dúas horas. Esto é grazas á plataforma tecnolóxica CRM100, un sistema de xestión da relación co paciente que a Consellería de Sanidade puxo en marcha, desde comezos do ano pasado, en 40 centros de saúde de toda Galicia.
O xerente do Sergas asegurou que desde que o pasado 10 de novembro entrou en funcionamento este aplicativo, este centro de saúde recibiu un total de 8.301 chamadas –o que supón unha media de 117 chamadas ao día-, cun tempo medio de resposta inferior aos 48 minutos.
José Flores apuntou que este sistema se incorporara a outros 20 centros de saúde máis a partir deste mes. O obxectivo, engadiu, é despregar, ao longo deste 2022, esta plataforma tecnolóxica a toda Galicia.
O xerente do Sergas sinalou que este aplicativo, que incorpora un servizo de atención telefónica personalizada, permite xestionar, mellorar e avaliar a interacción entre a cidadanía e os profesionais sanitarios. "E faino potenciando todas as canles dixitais e as aplicacións TIC que Galicia ten despregadas no ámbito da saúde", apuntou Flores, quen destacou a posición que ten Galicia de "referente internacional en innovación no eido sanitario".
Tamén subliñou a importancia que está a ter na xestión da pandemia esta plataforma tecnolóxica, xa que as funcións automáticas que inclúe permitiron optimizar a monitorización dos pacientes con covid e dos seus contactos estreitos; o envío das enquisas para estudar os síntomas da covid persistente; a citación dos procesos masivos de vacinación; ou o lanzamento de campañas de comunicación masivas para actualizar datos ou dar de alta na plataforma É-Saúde.
Nesta visita José Flores estivo acompañado da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Estrella López-Pardo; e do xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez. A súa chegada ao centro de saúde atopáronse cunha protesta de delegados sindicais para pedirlle que medie no conflito laboral aberto coa xerencia da área sanitaria.
O xerente do Servizo Galego de Saúde aproveitou para destacar o esforzo inversor da Xunta de Galicia nesta área sanitaria, en canto a "máis investimentos, máis servizos, máis persoal" e "máis e mellores infraestruturas".
Relacionadas:
-
Preto de 120.000 usuarios da sanidade pública pontevedresa xa están na plataforma dixital É-Saúde
Por Redacción |
-
Un home de 88 anos, vítima 254 con covid-19 na área sanitaria
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Representantes sindicais piden ao conselleiro de Sanidade que medie no conflito coa xerencia da área sanitaria
Por Redacción |