O Sergas asegura que o centro de saúde da Parda resolve o 99% das chamadas perdidas no mesmo día

Pontevedra
17 de febreiro 2022

Desde a posta en marcha da nova plataforma tecnolóxica, o pasado 10 de novembro, recibiu máis de 8.000 chamadas, cun tempo medio de resposta inferior aos 48 minutos

Visita do xerente do Sergas ao centro de saúde da Parda
Visita do xerente do Sergas ao centro de saúde da Parda / Sergas

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores, visitou este xoves en Pontevedra o centro de saúde da Parda, onde se resolven o 99% das chamadas perdidas no mesmo día e cun tempo máximo de resposta de dúas horas. Esto é grazas á plataforma tecnolóxica CRM100, un sistema de xestión da relación co paciente que a Consellería de Sanidade puxo en marcha, desde comezos do ano pasado, en 40 centros de saúde de toda Galicia.

O xerente do Sergas asegurou que desde que o pasado 10 de novembro entrou en funcionamento este aplicativo, este centro de saúde recibiu un total de 8.301 chamadas –o que supón unha media de 117 chamadas ao día-, cun tempo medio de resposta inferior aos 48 minutos. 

José Flores apuntou que este sistema se incorporara a outros 20 centros de saúde máis a partir deste mes. O obxectivo, engadiu, é despregar, ao longo deste 2022, esta plataforma tecnolóxica a toda Galicia.

O xerente do Sergas sinalou que este aplicativo, que incorpora un servizo de atención telefónica personalizada, permite xestionar, mellorar e avaliar a interacción entre a cidadanía e os profesionais sanitarios. "E faino potenciando todas as canles dixitais e as aplicacións TIC que Galicia ten despregadas no ámbito da saúde", apuntou Flores, quen destacou a posición que ten Galicia de "referente internacional en innovación no eido sanitario".

Tamén subliñou a importancia que está a ter na xestión da pandemia esta plataforma tecnolóxica, xa que as funcións automáticas que inclúe permitiron optimizar a monitorización dos pacientes con covid e dos seus contactos estreitos; o envío das enquisas para estudar os síntomas da covid persistente; a citación dos procesos masivos de vacinación; ou o lanzamento de campañas de comunicación masivas para actualizar datos ou dar de alta na plataforma É-Saúde.

Nesta visita José Flores estivo acompañado da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Estrella López-Pardo; e do xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez. A súa chegada ao centro de saúde atopáronse cunha protesta de delegados sindicais para pedirlle que medie no conflito laboral aberto coa xerencia da área sanitaria. 

O xerente do Servizo Galego de Saúde aproveitou para destacar o esforzo inversor da Xunta de Galicia nesta área sanitaria, en canto a "máis investimentos, máis servizos, máis persoal" e "máis e mellores infraestruturas". 

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora