8M | A comunidade educativa do Sagrado Corazón lembra tres históricas e queridas profesoras
Por Redacción
A familia do colexio Sagrado Corazón celebrou este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, un encontro moi especial coas mulleres que construíron a historia deste centro educativo.
Pitusa Abilleira, Lolita Cendón ou Pili Barajas son profesoras xubiladas do Sagrado que voltaron ao colexio para falar con alumnos e alumnas de Primaria e Secundaria sobre a súa experiencia como mulleres traballadoras e como pioneiras.
A historia arranca nunha foto feita hai 50 anos (1973), na que as tres profes, xunto con Chuchi Abilleira, comparten espazo con outros tantos mestres do claustro daquel ano. Recordaban como o claustro daquel tempo estaba formado maioritariamente por misioneiros e por varóns cun alumnado exclusivamente masculino.
Estas catro mulleres fixeron historia no Sagrado polo seu compromiso coa educación daqueles cativos. Eran nais, coas súas cargas familiares abondosas, e ao mesmo tempo mulleres traballadoras nun sociedade moi distinta á de hoxe en día.
Contaron como non se puideron incorporar á sua profesión ata cumprir os 19 anos a pesar de ter o título. Por outra banda deron testemuña de que na sociedade machista daquel momento, no colexio o trato cordial dos misioneiros e demais compañeiros fíxolles sentir sempre respectadas, coidadas e valoradas. "Os medos como mulleres estaban fóra do Colexio por iso eran felices nos seus traballos", recordan desde o centro.
Se ben non foron as primeiras, "lembramos a Amelia, pioneira no Método Montessori; a Milagros e a Jáudenes", si que son as mestras de máis historia e permanencia no colexio. "Xa desde o primeiro momento houbo presenza de profesoras e agora aída podemos achegarnos ao berce do Colexio escoitando as súas ensinanzas", sinala o representante da entidade titular, Francisco Barros, nun escrito no que recorda á historia destas tres mestras, "todas elas grandes profesionais".
Pitusa, comprometida sen límites pola educación ata o punto de que no seu último ano antes de xubilarse foi a profesora que se ofreceu voluntaria para titorizar ao primeiro alumno con Síndrome Down do colexio.
Lolita, alegre, dinámica e cargada de enerxía e sempre amosando optimismo, forza e vitalidade no día a día.
Pili, chea de dozura, agarimo, comprensión e defensora da lingua galega.
Así recordan no Sagrado Corazón a estas tres históricas mestras.
Durante o relatorio, os asistentes puideron escoitar as súas anécdotas, as súas vivencias e as súas lembranzas de aqueles anos. A súa sensibilidade e dedicación é recordada por todos os exalumnos e ratificada polo alumnado de hoxe. Sentíronse en familia con toda a comunidade educativa e polo profundo respecto e colaboración das familias, que axudaban incluso na elaboración de materiais.
Ao alumnado unha das cousas que máis lle chamou a atención foi ter en fronte a mulleres de idade avanzada, pero que irradian entusiasmo, enerxía, gañas de vivir e ledicia nas súas palabras. Incluso atrevéronse a cantar con elas unha canción ao rematar o acto. "O colexio segue a estar orgulloso delas, do seu traballo e agradecidos pola súa testemuña importante nun encontro interxeneracional tan necesario na actualidade", conclúe Barros o seu escrito de recoñecemento e agradecemento.
Relacionadas:
-
8M | Ribadumia homenaxeará este domingo a seis mulleres da vila
Por Redacción |
-
8M | Poesía e compromiso en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
8M | Sanxenxo homenaxea a nove veciñas inspiradoras para rachar cos estereotipos
Por Oskar Viéitez |
-
8M | Catro pioneiras na loita contra os teitos de cristal reciben unha homenaxe en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Dúas citas sacan á rúa ao feminismo pontevedrés o 8M
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
O Museo inicia a súa programación anual de conferencias con dúas citas desde unha perspectiva feminista
Por Redacción |
-
Homenaxe a dúas farmacéuticas e dúas hostaleiras polo 8M en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |