8M | A comunidade educativa do Sagrado Corazón lembra tres históricas e queridas profesoras

Pontevedra
09 de marzo 2023

Pitusa Abilleira, Lolita Cendón e Pili Barallas son tres mestras xubiladas que comezaron a formar parte do claustro de profesores no ano 1973 e que este mércores regresaron ao centro educativo para manter un encontro co alumnado

Homenaxe polo 8M a tres históricas profesoras do Sagrado Corazón: Pitusa Abilleira, Lolita Cendón y Pili Barajas
Homenaxe polo 8M a tres históricas profesoras do Sagrado Corazón: Pitusa Abilleira, Lolita Cendón y Pili Barajas / Colegio Sagrado Corazón

A familia do colexio Sagrado Corazón celebrou este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, un encontro moi especial coas mulleres que construíron a historia deste centro educativo. 

Pitusa Abilleira, Lolita Cendón ou Pili Barajas son profesoras xubiladas do Sagrado que voltaron ao colexio para falar con alumnos e alumnas de Primaria e Secundaria sobre a súa experiencia como mulleres traballadoras e como pioneiras.

A historia arranca nunha foto feita hai 50 anos (1973), na que as tres profes, xunto con Chuchi Abilleira, comparten espazo con outros tantos mestres do claustro daquel ano. Recordaban como o claustro daquel tempo estaba formado maioritariamente por misioneiros e por varóns cun alumnado exclusivamente masculino.

Estas catro mulleres fixeron historia no Sagrado polo seu compromiso coa educación daqueles cativos. Eran nais, coas súas cargas familiares abondosas, e ao mesmo tempo mulleres traballadoras nun sociedade moi distinta á de hoxe en día.

Contaron como non se puideron incorporar á sua profesión ata cumprir os 19 anos a pesar de ter o título. Por outra banda deron testemuña de que na sociedade machista daquel momento, no colexio o trato cordial dos misioneiros e demais compañeiros fíxolles sentir sempre respectadas, coidadas e valoradas. "Os medos como mulleres estaban fóra do Colexio por iso eran felices nos seus traballos", recordan desde o centro.

Se ben non foron as primeiras, "lembramos a Amelia, pioneira no Método Montessori; a Milagros e a Jáudenes", si que son as mestras de máis historia e permanencia no colexio. "Xa desde o primeiro momento houbo presenza de profesoras e agora aída podemos achegarnos ao berce do Colexio escoitando as súas ensinanzas", sinala o representante da entidade titular, Francisco Barros, nun escrito no que recorda á historia destas tres mestras, "todas elas grandes profesionais".

Pitusa, comprometida sen límites pola educación ata o punto de que no seu último ano antes de xubilarse foi a profesora que se ofreceu voluntaria para titorizar ao primeiro alumno con Síndrome Down do colexio.

Lolita, alegre, dinámica e cargada de enerxía e sempre amosando optimismo, forza e vitalidade no día a día.

Pili, chea de dozura, agarimo, comprensión e defensora da lingua galega.

Así recordan no Sagrado Corazón a estas tres históricas mestras. 

Durante o relatorio, os asistentes puideron escoitar as súas anécdotas, as súas vivencias e as súas lembranzas de aqueles anos. A súa sensibilidade e dedicación é recordada por todos os exalumnos e ratificada polo alumnado de hoxe. Sentíronse en familia con toda a comunidade educativa e polo profundo respecto e colaboración das familias, que axudaban incluso na elaboración de materiais.

Ao alumnado unha das cousas que máis lle chamou a atención foi ter en fronte a mulleres de idade avanzada, pero que irradian entusiasmo, enerxía, gañas de vivir e ledicia nas súas palabras. Incluso atrevéronse a cantar con elas unha canción ao rematar o acto. "O colexio segue a estar orgulloso delas, do seu traballo e agradecidos pola súa testemuña importante nun encontro interxeneracional tan necesario na actualidade", conclúe Barros o seu escrito de recoñecemento e agradecemento.