Rita Vázquez Vázquez, Mari Agís Otero, Ana Cancela Muras, Zoe Rey, Sara Durán Piñeiro, María Torres Durán, Eva González Kölmel, Carmen Názara Besada e Patricia Aguín Carballa. Son as nove mulleres inspiradoras nas que o Concello de Sanxenxo centrou a celebración do Día Internacional da Muller, o 8M.
Residentes en distintas parroquias do municipio, destacan por ser promotoras, impulsoras e inspiradoras en distintos ámbitos e por rachar estereotipos, servir de exemplo coa súa labor e destacar nas súas accións.
Unha peza audiovisual en forma de auto entrevista deu a coñecer a súa labor, a súa traxectoria de vida e as súas metas. Este vídeo promocional foi presentado este día 8 de marzo, no Pazo Emilia Pardo Bazán en Sanxenxo, nunha Gala que contou coa presenza das protagonistas.
Rita Vázquez Vázquez foi unha das primeiras bateeiras de Sanxenxo e recentemente recoñecida por parte da Asociación Mulleres Salgadas.
Mari Agis Otero é presidenta da Asociación Cultural Soalleira de Dorrón, promotora e impulsora do mantemento do folckore e tradicións de Galicia.
Ana Cancela Muras é a directora do Seminario de Estudos Locais de Sanxenxo (Foro Galicia Milenio), asociación que nace co obxectivo de promover e catalogar neste municipio a súa etnografía, patrimonio, historia e tradicións populares.
Zoe Rey é directora creativa e fundadora da firma de moda 'Ara de Rey'. Revistas internacionais como 'Elle' mostraron o seu interese pola marca e por Zoe e actualmente viste a numerosas figuras femininas referentes a nivel mundial.
Sara Durán Piñeiro é piragüista do Clube de Piragüismo de Portonovo, foi seleccionada para participar no Campionato do Mundo de Maratón de Piragüismo que se celebrará en Pitesti (Romanía), así como en campionatos galegos e de ámbito nacional nos que destaca como unha promesa.
María Torres Durán é doutora en Medicina. Participa en varios proxectos de investigación multicéntricos, sendo as súas principais liñas de investigación o DAAT e a epidemioloxía do cancro de pulmón. É autora de publicacións en revistas nacionais e internacionais.
Eva González Kölmel é na actualidade residente de Medicina no Complexo Clínico Hospitalario de Santiago de Compostela. Obtivo o número 2 nas probas de acceso ao sistema de formación RFIR (Radiofísico Interno Residente).
Carmen Názara Besada é unha das poucas mulleres Oficial da Armada española e foi a única muller que xunto con 86 novos alumnos que se incorporaron a Escola Naval de Marín na súa promoción.
Patricia Aguín Carballa é a florista gañadora do concurso 'Mejor Artesano Florista 2022', un concurso nacional impulsado por Interflora que se celebrou sábado 1 de outubro de 2022 en Toledo.