Entramos no Pazo de Lourizán para descubrir os tesouros que esconde tras décadas pechado ao público
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
Xosé Manuel Merelles, director da Axencia Turismo de Galicia, vaticinou este luns que o proxecto de rehabilitación do Pazo de Lourizán será "un punto de inflexión para a cidade de Pontevedra e a súa contorna", ao converterse nun novo punto de interese turístico coa rehabilitación do Pazo e a posta en valor e explotación dos seus xardíns.
A rehabilitación ten como fin último que "os cidadáns poidan descubrir este tesouro". Entender o impacto exacto deste anuncio pode resultar complicado ao tratarse dunha edificación cuxo interior leva décadas pechada ao público e que a maior parte da cidadanía nunca puido visitar por dentro.
Para poder facerse unha idea, este luns, con motivo da presentación oficial dos novos usos da Finca de Lourizán, autoridades e medios de comunicación puideron acceder ao interior.
PontevedraViva ofrece unha completa galería de fotos que permite observar o estado de conservación da propiedade ao 31 de xullo de 2023. Compróbanse problemas de conservación como humidades e desfeitas e tamén o paso polo edificio de actos vandálicos dos últimos anos que danaron as súas paredes coa pintura de símbolos nazis e debuxos.
Este Pazo exemplifica os diferentes períodos históricos e a súa capacidade de adaptación a diferentes usos, desde a granxa orixinal cara a unha quinta de recreo e despois unha residencia ostentosa con funcións representativas, en alusión á etapa na que estivo en mans de Eugenio Montero Ríos, relevante personaxe da política nacional entre finais do século XIX e primeiros anos do século XX.
A súa configuración actual responde a esa etapa en mans de Montero Ríos, que o puxo no mapa e encargou a súa reforma e ampliación ao mestre de obras Jenaro de la Fuente Domínguez entre 1909 a 1912.
Desde 1943 estivo en mans da Deputación Provincial, que adquiriu a leira para instalar o Centro Rexional de Ensinos, Investigacións e Experiencias Forestais. En 1991 a Deputación cedeu á Xunta de Galicia os dereitos de xestión por un prazo de trinta anos e no que continúa a actividade do Centro de Investigación Forestal (CIF).
Na actualidade a entrada ao edificio do pazo non está permitida a visitantes, unicamente poden acceder a el persoas autorizadas. Só é visitable polo exterior.
Relacionadas:
-
Lourizán abre as súas portas e 34 empresas interésanse polo concurso para definir o seu futuro
Por Redacción |
-
Este Nadal poderás coñecer o Pazo de Lourizán con visitas guiadas e gratuitas os días 23, 27 e 30
Por Redacción |
-
O BNG pide un proceso de participación para determinar os usos futuros do Pazo e da Leira de Lourizán
Por Redacción |
-
Lourizán "nunca vai perder a titularidade pública" e Ence pode achegar cartos, pero non intervir na xestión
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
A nova vida do Pazo de Lourizán: aloxamento, restauración e cultura forestal cunha rehabilitación "rigorosa"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Lores considera que o investimento previsto pola Xunta para o Pazo de Lourizán "non é suficiente en absoluto"
Por Alejandro Espiño |
-
Case 18 millóns para converter o Pazo de Lourizán nun "espazo de encontro" para o sector forestal
Por Alejandro Espiño |
-
Reclaman que a declaración de BIC do Pazo de Lourizán inclúa os mobles e máis terreos
Por Redacción |
-
Un Pazo "único en Galicia" que os Montenegro construíron no século XV e Montero Ríos puxo no mapa no XIX
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |