Marta Rodríguez Engroba
Que se faga viral, esa é a propiedade
Desisto, teño que confesalo.
Renuncio a entender que é o que está pasando nesta sociedade cada vez máis deshumanizada, na que os valores máis elementais non contan xa practicamente para nada.
De verdade que o intento, pero as reaccións carentes de toda empatía, da sensibilidade máis elemental, e da crecente obsesión por facer, da dor e da desgraza allea, espectáculo, son algo que se escapa a miña comprensión.
Desde hai algúns días, a noticia por excelencia está a ser a agresión machista acontecida nun cine de León, na que un home insultaba e golpeaba a súa parella, alcanzando os golpes mesmo a unha nena que se atopaba nunha butaca inmediata, e que o boxeador Antonio Barrul tentou frear enfrontándose co agresor, ao que golpeou en repetidas ocasións.
A sala estaba ateigada de xente, moitos deles menores, xa que a película que se estaba a proxectar era "Gardfield", destinada ao público infantil, que viron, ademais da agresión, como os adultos, entre eles en moitos casos os seus propios proxenitores presentes na sala se afanaban, como non!, móbil en man a gravar a violenta escena, para, acto seguido, subir as imaxes as redes, algo que xa é o pan noso de cada día ata extremos que xa resultan obsesivos, enfermizos.
Como era de agardar, non tardaron en sucederse as mostras e os comentarios de apoio e de parabéns ao púxil pola súa actuación, deixando unha vez máis, de lado, o máis elemental sentido común.
Evidentemente, que defender a a muller agredida, é algo que o honra, e a súa intención foi, sen dúbida, a mellor.
Mesmo é entendible que o primeiro impulso fora facer o que fixo, reducir o agresor machista a golpes,
Ao fin e ao cabo, somos humanos, e a quen non lle pediría o corpo darlle a tal malnacido unha xenerosa dose da súa propia menciña?
Mais suponse que somos seres racionais, non animais, e que temos, porén, a capacidade de actuar como tales e razoar, pero, por desgraza, non sempre, de feito cada vez menos, sucede así.
O propio Antonio Barrul relatou, nunha entrevista posterior, que levaba máis de media hora observando como o home golpeaba e insultaba a súa parella, que, de feito, xa entrara na sala comportándose de xeito violento con esta e co neno, e eu pregunto, se foi así, se levaba tanto tempo observando o maltrato do que estaban a ser obxecto a muller e o seu fillo, non se lle pasou pola cabeza en ningún momento facer o correcto, que sería chamar a a policía, en lugar de atacalo coma un miura, poñéndose ao seu nivel?
Realmente cre que, baténdose a golpes con el vai conseguir que deixe de maltratar a súa parella?
Tal vez si nese momento, pero non creo que ninguén sexa tan inxenuo como para crer que a súa reacción vai servir para que ese elemento se rehabilite.
Nesa mesma entrevista, Barrul declarou "alguén debería terme freado?"... Como? E logo ti non es quen de controlarte?... Prefiro non seguir.
Pero se algo merece mención aparte é a reacción do público e do persoal da sala.
É absolutamente inaudito, ademais de arrepiante, que ninguén tivera a iniciativa de coller o teléfono e chamar a policía.
Coller si que o colleron, pero para practicar o deporte nacional que é gravar, e, acto seguido, colgalo axiña no Facebook, que é o realmente importante, seica.
É gravísimo que o persoal da sala fixera o mesmo, non gravando, obviamente, pero non dándose por enterado do que estaba pasando.
Ese, pregunto, é o exemplo, a educación, que se lles está a dar a eses nenos e nenas que se atopaban na sala, e a todos en xeral, porque a opinión xeneralizada foi que Barrul fixera o correcto, chovéndolle as felicitacións, mesmo por parte das federacións da súa disciplina.
Que se lles está a ensinar a eses nenos e nenas, aos que se responsabiliza, cando chegan a adolescencia, de normalizar a violencia machista, que ante a violencia a resposta adecuada é xustamente esa, actuar con tanta ou mais violencia?
Temos, por outra banda, algo que ninguén semella ter en conta: a comisión dun delito de omisión de socorro por parte dos presentes na sala, e, por suposto, dos responsables da mesma.
O lóxico sería que a Policía procedera a identificar a esas persoas, e a iniciar as accións pertinentes, porque, unha vez máis, a impunidade vai xogar a favor de que esta tremenda lacra que é a violencia de xénero continúe medrando.
En canto a acción de Barrull, si tivo consecuencias, como era previsible, que chegou en forma de denuncia do agresor machista por un posible delito de lesións.
Supoño que non agardará que acudan no seu apoio os que o trataron coma un heroe.
Xa tivo o seu momento de gloria, no que o trataron, nas redes, por suposto! reitero, coma un heroe, e lamentamos ter que recordarlle, unha vez máis, e como xa lles sucedeu a moitos e a moitas antes, que hoxe xa ninguén, ou case ninguén, se lembra del.
Absolutamente lamentable.
Deplorable, como xa dixen ao comezo, tal falta de sensibilidade, e, o máis triste de todo é que un comportamento tan deshumanizado como o que sucedeu nesa sala de cine xa é algo que está totalmente normalizado.
Responder a violencia con mais violencia é algo que non soamente se desculpa, se non que se aproba, contribuíndo, porén a fomentala.
Conseguiron, eso si, o principal obxectivo: que o lamentable espectáculo se fixera viral, e iso é o que realmente importa, non si?