Marián Bañobre (Ibuprofeno Teatro)
O exercicio profesional das artes escénicas
Segundo os datos estadísticos revisados dende a web do Observatorio da Cultura Galega, que usan como fonte o Instituto Galego de Estadística, vemos claramente como se reduciron o número de funcións teatrais, e representacións nas artes escénicas en xeral, pasando dende o 2009 ata o 2012 a ser practicamente a metade.
A AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia) aporta o dato de que dende 2011, é dicir, durante 2012 e 2013, déronse de baixa 51 socios (pasouse de 310 a 282), pero deses 51, 28 alegaron directamente facelo por causas económicas. Lembremos que a cota é de 133 anuais.
Poderiamos facer máis análises de datos estadísticos que confirman a baixada de traballo deste sector como a EPA ou o estudo sobre a SITUACIÿN SOCIO-LABORAL DEL COLECTIVO DE ACTORES Y BAILARINES EN ESPAÿA (2011) que se fixera dende AISGE sobre a situación laboral dos socios (estes datos xa teñen dous anos, importantes no momento de cambio no que nos atopamos, que fan que xa non sexan tan significativos, e ademais engloban tanto a actores de cine e teatro como a dobradores e bailaríns).
Pero os que nos dedicamos ás artes escénicas non temos necesidade de tirar de datos estadísticos, pois somos unha poboación (no sentido de unidade de análise) tan pequena que calquera de nós ten neste momento na cabeza unha mostra aleatoria suficientemente representativa como para extraer as súas propias conclusións e facer un balance realista da situación.
Todos sabemos que se a maioría de nós seguimos facendo teatro (aínda que cada vez actuemos menos), non é porque teñamos traballo, é dicir, porque alguén nos contrata para facer unha obra, senón porque co espírito de continuar exercendo esta profesión poñemos todo da nosa parte (tempo, enerxía e cartos) para sacar espectáculos adiante e seguir en activo (que non é o mesmo que seguir vivindo disto, pois xa non é posible en moitos casos).
Ante este cuestionamento da viabilidade da práctica profesional, e para explicar o meu punto de vista, necesito falar de Agricultura Ecolóxica, non porque sexa unha práctica facilmente complementaria neste momento de pouco traballo para que os actores e actrices nos autoabastezamos e poidamos adaptarnos a vivir con menos cartos, que o é, senón porque descubrín unha corrente ou tendencia dentro da agricultura ecolóxica da que podemos tomar algunhas pistas para a sostenibilidade do sector das Artes escénicas neste país. Estoume referindo á Permacultura:
"Os principios da permacultura, cultivo e cultura permanentes, son simples: observar a natureza e aliarse con ela para obter os mellores resultados. () ÿ unha visión globalizadora, que mira máis cara á incorporación do máximo de elementos dispoñibles nun lugar determinado, para que ao facelos actuar en conxunto, é dicir, sinerxicamente, o resultado sexa sempre superior á suma dos elementos illados.
Na permacultura prímase o deseño e a distribución dos espazos, que se reparten harmonicamente entre a casa, a horta, os campos de cultivo extensivo, as froiteiras, o monte e os animais, para que todo se axude mutuamente e se aproveiten ao máximo os recursos dispoñibles co mínimo esforzo posible e se optimicen realmente os resultados. A idea principal é a dunha agricultura realmente "sostible", baseada no deseño da finca a cultivar, combinando novas e antigas formas de producir alimentos que conserven o chan, os nutrintes, ao tempo que minimicen o emprego de combustibles fósiles, abonos e praguicidas químicos, etc., de xeito que a produción de alimentos dentro dunha rexión sexa autosuficiente e que no sistema global se cree máis enerxía da que se consome.
Segundo o australiano Bill Mollison, un dos máis coñecidos pioneiros da permacultura, a filosofía sería traballar coa natureza en lugar de ir en contra dela; observación reflexiva, no canto de traballo a cegas; e mirar as plantas e animais en todas as súas funcións de forma global, en lugar de tratar cada zona como un sistema illado de produción dun só produto ou monocultivo".
(El huerto familiar ecológico, de Mariano Bueno, RBA 2013)
Evidentemente, ante estas reflexións que describen á perfección un modelo cultural para Galicia do que estamos moi lonxe, non puiden evitar aparcar por un momento o meu manual básico e meter a Bill Mollison en Google. Puiden descubrir máis ideas como a que segue, que é un extracto do seu libro Permaculture Two:
"Vivimos nun planeta en crise; a cotío as persoas séntense incapaces de dar o cambio. A Permacultura ofrece solucións positivas aos problemas mundiais; usando a ecoloxía como base para estudar, deseñar e realizar sistemas perdurables, funcionais, sostibles e integrados que sustenten os asentamentos humanos e os ecosistemas naturais. ()
A Permacultura acolle baixo o seu paraugas tanto a sabedoría antiga como as modernas tecnoloxías".
Seguindo coa miña pescuda na rede, xurdiu o artigo doutro autor, Ian Lillington, que me aclarou como nos posicionamos os profesionais respecto á situación das Artes escénicas:
"Ao enfrontarse coa avalancha de información sobre o malo da situación ambiental, fíxome en tres maneiras habituais de reaccionar das persoas:
-pasar diso coa esperanza de que se solucionará
-recoñecer os problemas e deprimirse
-pasar á acción crítica, que é onde se sitúa a Permacultura ()
() é un sistema de deseño que se basea nunha ética, que integra unha vivenda sa cunha produción de comida sa e que ademais ten en conta sistemas financeiros e sociais."
Dándolle voltas a estes conceptos tirados da ecoloxía (cultura permanente, cultura sostible...), atrévome a propoñer un novo modelo de "Política ecoCultural" para que a Administración pública galega deixe de tomar medidas en contra dos seus administrados e pase a integrar a todos os "actores" implicados no sistema: traballadores de teatro, danza, circo e maxia, creadores, compañías e empresas de todo tipo, programadores de concellos de diferentes tamaños e localizacións, públicos... Quizais unha observación do sector exenta de ideoloxía nos poida dar pistas de como continuar para conseguir mellores froitos:
Actuar en conxunto, sinerxéticamente (o resultado será maior que a suma dos elementos illados)
Pensar globalmente
Deseñar e planificar pensando na permanencia
Diversificar os cultivos, os produtos, as programacións
Observar a naturaleza, as necesidades reais do público
Optimizar os recursos existentes, reciclar
Usar os recursos locais: infraestruturais e humanos
Acoller baixo o mesmo paraugas a sabedoría dos vellos coas aportacións dos novos
Pasar á acción
Observar ben o que consumimos
E, sobre todo, coidar a terra, a base: O PÿBLICO
Plantamos unha semente, iniciamos un proceso de creación, que vai xermolando, agromando; os personaxes e o espectáculo van collendo forma cos ensaios e o traballo ata que alcanzan unha altura ou tamaño aptos para trasplantalos á terra: pasou o tempo de ensaios e temos que estrear, poñer o noso espectáculo diante dun público.
Unha vez na terra ten que seguir medrando ao tempo que enriquece o chan: unha vez estreado, temos que mover o espectáculo para que se acabe de facer, que o público goce con el, o enriqueza e o faga tamén medrar; e mesmo pode dar froitos, pois un traballo ben feito pode xerar moitos nutrintes. Por iso hai que coidar a terra, e non esquecer que iso é o que vai permanecer.
Non podemos botarlle pesticidas e deixar sen nutrintes os nosos espectadores. Temos que coidalos pois son os que van permanecer moitos anos. Non podemos deixar os teatros sen programación, a terra sen abono. As programacións deben ser variadas (deben ir dirixidas a todo tipo de públicos) e "permanentes", estables. Neste país temos espazos suficientes onde levar a cabo o noso exercicio profesional que están infrautilizados, tanto para a exhibición dos traballos como para a súa creación. Os actores e actrices, os directores, bailaríns, etc. non podemos estar parados, temos que estar "permanentemente" facendo cultura: é a nosa razón de ser e é a mellor maneira de que os nosos traballos teñan calidade. E non hai razóns obxectivas polas cales non o poidamos facer a un nivel igual ou superior que hai uns anos, só intereses políticos. Porque cartos hai, e moitos (pero para o que interesa), público hai (e máis que podemos gañar), espazos hai e profesionais con moita implicación tamén. Só necesitamos unir forzas.
* Relatorio da actriz MARIÁN BAÿOBRE nas IV XORNADAS ESCENA GALEGA. Marián Bañobre é integrante de IBUPROFENO TEATRO