Tribuna Viva
SPPME critica a instalación de bolardos na rúa Peregrina
Dende a sección sindical do Sindicato Profesional de Policía Municipal de España en Galicia, no Concello de Pontevedra, sumámonos ás críticas realizadas pola Confederación Española de Policía respecto da recente instalación de bolardos na rúa Peregrina co obxecto de impedir a circulación de vehículos pola zona.
Consideramos totalmente axeitadas as críticas porque, de existir algún tipo de uso abusivo por parte dalgúns condutores nesa zona, xa os axentes da Policía Local no uso das súas atribucións de vixiancia e control da circulación nas vías urbanas se encargan de corrixir tale condutas. O que non parece que sexa unha solución compatible coa seguridade cidadá é instalar elementos que obstaculicen o paso aos vehículos de urxencias e emerxencias xa que cando se producen situacións de grave risco a celeridade na actuación dos servizos policiais, extinción de incendios e sanitarios é primordial e sería desexable que os nosos gobernantes escoitasen as suxerencias que, neste caso, non teñen outro obxecto que redundar na mellora da prestación dos servizos públicos que os profesionais de urxencias e emerxencias tratamos de facilitar á cidadanía.
Non vale que sexan bolardos extraíbles xa que a súa retirada precisa do uso de ferramenta específica que hai que desprazar ata o lugar. Cando refire a concelleira que "hai vías de sobra polas que se pode circular" manifesta un grave descoñecemento sobre o labor que realizan funcionarios que dependen diretamente da súa área de xestión. Non hai unha crítica sobre o modelo de cidade xa que claramente é o que a soberanía popular ten escollido pero sí existen moitas formas de controlar os usos indebidos de determinadas zonas (con cámaras, por exemplo) que non constituen medidas imprudentes e temerarias como esta.
Agardamos que se solucione esta situación antes de que poida haber que lamentar algunha situación que conleve riscos innecesarios para a poboación.