Petición de medidas urxentes á Xunta ante o "imparable descenso" de produción de ameixa e berberecho en Galicia
Por Anxo Lourido
A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA); PLADEMAR Muros-Noia; e o sector do Mar no que se inclúen confrarías, APM e Agrupacións de marisqueo a pé e á boia demandan á Xunta de Galicia medidas urxentes para resolver o "imparable descenso" da produción de ameixa e berberecho que detectan desde hai anos na ría de Arousa e que, segundo indican, está a converterse nun proceso xeneralizado en toda Galicia.
Para soster esta demanda comparan a produción galega do período entre xaneiro e outubro dos últimos 21 anos sinalando que a baixada deste ano respecto a a media 2003-2023 é do 76% no berberecho; do 64% na ameixa loura; do 67% na fina e do 74,3% na babosa. "Son datos demoledores", afirman desde estes colectivos.
Aseguran que se trata dun "desastre progresivo" e, neste sentido, acusan á Xunta de carecer de iniciativa e de non abordar os problemas de fondo tapando a crueza dos datos con eventos meteorolóxicos ou climáticos "mediante os que elude as súas responsabilidades competenciais".
Alertan do descenso "progresivo" do sector marisqueiro pasando de 6.551 permex de mariscadoras/é en 2001 a 3.614 en 2022. As agrupacións temen que se acabe introducindo a acuicultura industrial co cambio do modelo tradicional familiar de autónomas e pequenas empresas a asalariados de multinacionais.
PETICIÓNS URXENTES Á XUNTA DE GALICIA
Debido a esta situación, reclaman á Xunta de Galicia un plan de rexeneración cunha forte dotación económica "pero non para introducir empresas foráneas que substitúan á xente do mar". Reclaman que non se aparte ás mariscadoras das zonas de traballo e que se implique aos mariñeiros na recuperación das zonas, resolvendo problemas administrativos entre a Xunta e o Instituto Social da Mariña (ISM) para non dificultar a actividade destes sectores.
Explican que, na actualidade, cando se decreta o cesamento de actividade por forza maior, as persoas afectadas poden solicitar unha prestación ao ISM pero demándanlles doce meses cotizados nos dous últimos anos. Estes colectivos inciden en que coa actual escaseza de recursos é difícil garantir eses meses de cotización. Reclaman unha redución destes requisitos.
Argumentan tamén que nos orzamentos de 2022 da Consellería do Mar permaneceron sen utilizar 29.483.000 euros, malia as necesidades urxentes do sector.
Tamén esixen un estudo independente e multidisciplinar para comprobar que factores están a afectar aos bivalvos. Indican que hai menos vento do nordés e, por tanto, prodúcese menos afloramiento e menos comida con menor renovación das augas das rías. Tamén inciden en que os efectos da contaminación son maiores e os bivalvos están debilitados sufrindo unha maior mortalidade.
Reclaman, por último, unha actuación urxente por parte da Xunta reducindo a contaminación de fábricas, estacións depuradores e minas. Os colectivos piden man firme nas sancións á contaminación e transparencia nos protocolos de apertura de augas dos encoros.
"A función inspectora e sancionadora de Augas de Galicia é moi deficiente", aducen e piden que a administración non estea subordinada ás grandes empresas e ás eléctricas.
Relacionadas:
-
A Federación Provincial de Confrarías solicita ao ISM posibilitar tarefas accesorias do marisqueo a pé durante peches forzosos
Por Redacción |
-
A crise de produtividade dos bancos forza o peche do marisqueo
Por Oskar Viéitez |
-
Mar solicita a declaración de zona catastrófica para as rías pola alta mortaldade do marisco
Por Oskar Viéitez |
-
O GALP Ría de Pontevedra inxecta máis de 700.000 euros a proxectos de pesca e turismo
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG de Poio busca o apoio de todos os grupos políticos para pedir medidas ante o desastre do marisqueo
Por Redacción |
-
O PSOE insta á Xunta a aprobar a emerxencia de interese galego ante o "verdadeiro desastre" do marisqueo
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
A reforma da Lonxa de Campelo responde á demanda das confrarías
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta está a recoller datos para a solicitude de zona catastrófica para as rías afectadas pola alta mortaldade do marisco
Por Oskar Viéitez |
-
Agridoce regreso ao mar das mariscadoras, con dificultade para lograr a cota e preocupación para Nadal
Por Natalia Puga |
-
Desesperación na confraría de Lourizán pola elevada mortaldade de marisco provocada por Domingos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Mari Carmen Vázquez, patroa maior de Lourizán: "O punto Cocheras é fundamental. Queremos que esa zona cero desapareza"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |