Petición de medidas urxentes á Xunta ante o "imparable descenso" de produción de ameixa e berberecho en Galicia

O Salnés
05 de decembro 2023

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, PLADEMAR Muros-Noia e o sector do Mar demandan con urxencia á administración galega que poña en marcha un plan de rexeneración cunha forte dotación económica, un estudo independente e multidisciplinar sobre os factores que afectan aos bivalvos e un control das contaminacións procedentes de fábricas, estacións depuradoras e minas

Bivalvos mortos na ría de Arousa
Bivalvos mortos na ría de Arousa / PDRA - Arquivo

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA); PLADEMAR Muros-Noia; e o sector do Mar no que se inclúen confrarías, APM e Agrupacións de marisqueo a pé e á boia demandan á Xunta de Galicia medidas urxentes para resolver o "imparable descenso" da produción de ameixa e berberecho que detectan desde hai anos na ría de Arousa e que, segundo indican, está a converterse nun proceso xeneralizado en toda Galicia.

Para soster esta demanda comparan a produción galega do período entre xaneiro e outubro dos últimos 21 anos sinalando que a baixada deste ano respecto a a media 2003-2023 é do 76% no berberecho; do 64% na ameixa loura; do 67% na fina e do 74,3% na babosa. "Son datos demoledores", afirman desde estes colectivos.

Aseguran que se trata dun "desastre progresivo" e, neste sentido, acusan á Xunta de carecer de iniciativa e de non abordar os problemas de fondo tapando a crueza dos datos con eventos meteorolóxicos ou climáticos "mediante os que elude as súas responsabilidades competenciais".

Alertan do descenso "progresivo" do sector marisqueiro pasando de 6.551 permex de mariscadoras/é en 2001 a 3.614 en 2022. As agrupacións temen que se acabe introducindo a acuicultura industrial co cambio do modelo tradicional familiar de autónomas e pequenas empresas a asalariados de multinacionais.

PETICIÓNS URXENTES Á XUNTA DE GALICIA

Debido a esta situación, reclaman á Xunta de Galicia un plan de rexeneración cunha forte dotación económica "pero non para introducir empresas foráneas que substitúan á xente do mar". Reclaman que non se aparte ás mariscadoras das zonas de traballo e que se implique aos mariñeiros na recuperación das zonas, resolvendo problemas administrativos entre a Xunta e o Instituto Social da Mariña (ISM) para non dificultar a actividade destes sectores.

Explican que, na actualidade, cando se decreta o cesamento de actividade por forza maior, as persoas afectadas poden solicitar unha prestación ao ISM pero demándanlles doce meses cotizados nos dous últimos anos. Estes colectivos inciden en que coa actual escaseza de recursos é difícil garantir eses meses de cotización. Reclaman unha redución destes requisitos.

Argumentan tamén que nos orzamentos de 2022 da Consellería do Mar permaneceron sen utilizar 29.483.000 euros, malia as necesidades urxentes do sector.

Tamén esixen un estudo independente e multidisciplinar para comprobar que factores están a afectar aos bivalvos. Indican que hai menos vento do nordés e, por tanto, prodúcese menos afloramiento e menos comida con menor renovación das augas das rías. Tamén inciden en que os efectos da contaminación son maiores e os bivalvos están debilitados sufrindo unha maior mortalidade.

Reclaman, por último, unha actuación urxente por parte da Xunta reducindo a contaminación de fábricas, estacións depuradores e minas. Os colectivos piden man firme nas sancións á contaminación e transparencia nos protocolos de apertura de augas dos encoros.

"A función inspectora e sancionadora de Augas de Galicia é moi deficiente", aducen e piden que a administración non estea subordinada ás grandes empresas e ás eléctricas.